
Pronoia, axencia de mercadotecnia dixital galega especializada en dar servizos transformadores a pemes e persoas autónomas, estreou unha formación para aprender a posicionar un negocio en Google Maps e atraer a máis clientes.
Trátase dun curso de SEO local realizado a través da UNED de Pontevedra e orientado a pequenas empresas e emprendedores. Comezará o próximo 16 de setembro e estenderase ata o 4 de novembro, con clases en directo todos os mércores de 18.00 a 19.30 horas.
Segundo explican Pronoia e a UNED para poñernos en contexto, “unha gran maioría de consumidores busca negocios locais na Internet a diario, tres de cada catro usuarios consulta varias recensións antes de decidirse e máis da metade de clientes potenciais abandona cando atopa información incorrecta na ficha en liña dunha empresa: estes datos son só un exemplo da importancia crecente dunha boa xestión da presenza dixital; por iso, o obxectivo do curso é ensinar a mellorar a visibilidade en Google, xerar confianza entre os usuarios e transformalo en clientes reais”.
A formación está dirixida a comercios, clínicas, despachos, talleres, restaurantes e outros negocios con presenza local que buscan reducir a súa dependencia da publicidade de pago e potenciar canles de captación máis sostibles a longo prazo. Ademais, non é necesario ter coñecementos técnicos previos, engaden.
Un programa eminentemente práctico
O temario, de carácter eminentemente práctico, estrutúrase en oito sesións semanais que abordan, entre outros aspectos, os fundamentos do SEO e a configuración da ficha de empresa en Google, a definición do cliente ideal, a selección de palabras chave a partir de ferramentas gratuítas, a optimización da ficha para atraer e xerar confianza, as estratexias e as accións para xerar recensións e mellorar a relevancia, a optimización da propia web como reforzo do posicionamento local, a análise de métricas e accións complementarias e como facer que a intelixencia artificial recomende un negocio.
O curso, que comezará o próximo 16 de setembro, de 18.00 a 19.30 horas, en directo e de maneira virtual, ten un custo único de 29 euros e a inscrición poderá realizarse ata a data da última clase. A matrícula xestiónase a través da plataforma da UNED de Pontevedra e a institución garantirá o acceso ao contido gravado durante, polo menos, un ano tras a finalización da formación.

