
O Pont-Up Store 2026 dará este xoves o primeiro paso da súa décimo terceira edición cunha apertura especialmente significativa: a primeira actividade do encontro servirá tamén para inaugurar a actividade do novo Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo de Pontevedra. Será coa xornada Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas, organizada pola Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop e integrada na programación do Pont-Up Store.
O encontro desenvolverase entre as 9.30 e as 13.30 horas no segundo andar do novo centro, situado na rúa Alfonso XIII, e permitirá presentar o espazo Olga Amoedo, que compartirán EspazoCoop, a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e Culturgal.
O obxectivo é “facer deste lugar un novo punto de encontro para favorecer as conexións entre emprendemento, economía social, cultura, creatividade e innovación, así como impulsar a colaboración e a intercooperación entre proxectos”.
A xornada está enfocada como unha sesión de formación práctica dirixida especialmente a persoas emprendedoras, grupos promotores e cooperativas de recente creación, e abordará a construción do relato e da proposta de valor dos proxectos, a segmentación de públicos e o deseño da estratexia comercial, adaptando estas ferramentas aos principios da Economía Social e Solidaria.
Conecta Coop forma parte do programa EspazoCoop Emprende, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa EFESO, a través do que EspazoCoop ofrece asesoramento, acompañamento e formación para favorecer a creación e consolidación de novos proxectos cooperativos en Galicia.
O venres, o emprendemento toma a rúa

Tras esta primeira xornada, o Pont-Up Store abrirá o venres 11 de setembro a súa carpa na praza de España, convertendo durante dous días o centro de Pontevedra no escaparate das novas iniciativas empresariais seleccionadas nesta edición.
O acto inaugural celebrarase ás 11.30 horas, seguido dunha visita institucional aos stands. Ao longo do venres sucederanse a presentación dos proxectos dos programas INCUVI da Universidade de Vigo, os encontros Tecendo Comunidade, a presentación de Culturgal, a revitalización económica das vilas e o apoio dispoñible para os emprendementos na Xunta de Galicia e unha nova edición da iniciativa Consultoría relámpago para a túa web emprendedora, que regresa da man da Comunidade WordPress Pontevedra tras a boa acollida do pasado ano.

Un dos momentos máis agardados será o Pont-Up Venture, que reunirá pola tarde na Casa das Campás ás novas firmas innovadoras seleccionadas con profesionais do investimento e do venture capital, abrindo oportunidades de financiamento, asesoramento e conexión para os proxectos con maior potencial de crecemento.
A programación continuará o sábado con propostas arredor da intelixencia artificial e a ciberseguridade, a transferencia do coñecemento universitario ao mercado e o impacto dos coidados sobre as empresas lideradas por mulleres, ademais das actividades demostrativas dos propios emprendementos e a entrega de premios coa que se pechará esta edición.
O Pont-Up Store está organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, promovido pola Universidade de Vigo desde o Campus CREA e conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e outras entidades públicas e privadas do ecosistema emprendedor.

