
Abanca abriu hoxe o prazo de inscrición para a décimo terceira edición do seu programa de Venture Client, Abanca Innova. Desta volta, a entidade financeira galega “busca identificar e atraer novas firmas innovadoras (startups) tecnolóxicas capaces de deseñar a próxima xeración de servizos financeiros, cun foco especial na intelixencia artificial, os activos dixitais e a tokenización“.
Abanca explica que o lanzamento desta convocatoria “responde a un momento decisivo para o sector financeiro europeo”. Engade que a recente entrada en vigor do Regulamento MiCA (Markets in Crypto-Assets) establece, por primeira vez, un marco xurídico común e seguro para a emisión, custodia e prestación de servizos de criptoactivos e que “esta certeza regulamentaria permite á banca empezar a aplicar estas tecnoloxías en servizos cotiáns para particulares e empresas, que permitirán axilizar procesos como a concesión de financiamento, a atención ao cliente, a xestión documental ou a prevención da fraude, reducindo tempos de resposta e mellorando a experiencia dos usuarios”.
Así, a entidade galega orienta a nova edición de Abanca Innova cara a startups capaces de desenvolver solucións con aplicación nos principais retos do negocio financeiro.
O programa porá o foco en propostas relacionadas con intelixencia artificial, activos dixitais e procesos de tokenización para representar activos do mundo real mediante tecnoloxía de rede de bloques ou cadea de bloques (blockchain). No entanto, a convocatoria tamén seguirá aberta a outras tecnoloxías disruptivas capaces de achegar valor á actividade bancaria, informou Abanca, engadindo que entre os ámbitos de innovación demandados figuran a xestión do risco e o compliance, mercadotecnia, procesos tecnolóxicos, mellora da eficiencia operativa, ciberseguridade, sustentabilidade e novos servizos financeiros baseados en activos dixitais.
O obxectivo de Abanca é identificar novas tecnoloxías pero tamén “validar a súa aplicación mediante proxectos reais que permitan acelerar a súa incorporación á actividade do banco”.
Unha convocatoria orientada a proxectos reais
As startups interesadas poden presentar as súas candidaturas ata o 15 de outubro a través da páxina web do programa de Abanca Innova. Tras o peche das candidaturas, os proxectos preseleccionados serán avaliados nun workshop con profesionais de distintas áreas do banco para analizar os posibles casos de uso das súas solucións.
Aqueles con maior potencial accederán a un bootcamp técnico, no que se definirá o alcance dunha proba de concepto (PoC, polas súas siglas en inglés), avaliaranse os requisitos técnicos e prepararase a súa implantación nunha contorna real.
As novas firmas que superen este proceso selectivo poderán desenvolver proxectos pilotos xunto a distintas unidades de negocio de Abanca, validando a súa proposta de valor directamente sobre necesidades reais do banco.
Desde a súa creación, o programa de Abanca Innova avaliou máis dun milleiro de candidaturas e completou 26 probas de concepto, converténdose nunha ponte efectiva entre o talento emprendedor e a industria financeira.

