
Coa chegada de setembro e o inicio do novo curso o Servizo de Normalización Lingüística pon novamente en marcha o concurso #traduceTED de subtitulado de vídeos TED. Con este, son xa 11 anos premiando os mellores traballos de lexendado para promover a existencia de recursos audiovisuais de divulgación científica en galego.
Para participar abonda con inscribirse en liña ata o 28 de setembro, e elixir a modalidade de participación que corresponda.
Segundo informou a Universidade de Santiago, a modalidade A resérvase para o estudantado, PDI ou PTXAS da USC durante o ano 2026, e a modalidade B é a asignada ás persoas adultas alleas á USC. As persoas inscritas na modalidade A poden tamén inscribirse nun obradoiro de formación sobre o manexo da aplicación que se emprega para subtitular as charlas.
Para optar aos premios hai que presentar polo menos unha charla ou vídeo TED de divulgación científica subtitulada ao galego antes do 31 de outubro. Os traballos presentados serán valorados por un xurado, que elixirá os merecentes de premio en cada modalidade, tendo en conta os criterios explicitados na convocatoria.
Os mellores traballos de cada modalidade serán recoñecidos cun dos seguintes premios: na modalidade A o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro de 200; na modalidade B o primeiro premio son 300 euros e o segundo son 250 euros.

