
A entidade estatal Red.es vai pór en marcha a primeira edición da Semana da IA. Farao na rede de Oficinas Acelera Peme. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en coordinación coa rede de oficinas e que ten como obxectivo principal “visibilizar a aplicación real e práctica da intelixencia artificial no tecido empresarial de toda a xeografía estatal”.
A Semana da IA na rede de Oficinas Acelera desenvolverase do 21 ao 24 de setembro. Durante estas xornadas, achegaranse os conceptos clave desta tecnoloxía ás pequenas e medianas empresas, promovendo a adopción de novas ferramentas para mellorar a súa competitividade e garantindo un uso responsable, ético e seguro conforme ao marco xurídico aplicable.
A través dunha programación distribuída por todo o territorio nacional, permitirá a miles de empresas coñecer casos de éxito, aplicacións reais e solucións adaptadas ás súas necesidades.
Durante a semana, 54 Oficinas Acelera Peme desenvolverán un total de 146 actividades relacionadas coa IA, como xornadas de sensibilización, obradoiros prácticos, seminarios en liña, sesións de asesoramento e diagnóstico, así como encontros con expertos que permitirán ás pemes comprender como integrar a IA en áreas crave do seu negocio. Entre as temáticas previstas destacan a produtividade e eficiencia empresarial, a automatización de procesos, a mercadotecnia e as vendas, a análise de datos, a estratexia dixital, a IA segura, ou as aplicacións sectoriais desta tecnoloxía.
O programa busca “contribuír á mellora da competitividade das pemes mediante cinco grandes obxectivos: achegar os conceptos fundamentais da intelixencia artificial, fomentar a adopción de ferramentas e solucións innovadoras, impulsar a transformación dixital das empresas, difundir casos de uso reais e promover un desenvolvemento ético e responsable desta tecnoloxía”, informou Red.es.
Como peche da iniciativa, celebrarase unha Xornada de Oficinas Acelera Peme como evento final no que se compartirán conclusións, experiencias e boas prácticas identificadas durante o desenvolvemento das actividades, poñendo en valor o impacto da intelixencia artificial como motor de crecemento, innovación e competitividade empresarial.
En Galicia están habilitadas as seguintes Oficinas Acelera Peme: o ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), OAP ATA Galicia (Autónomos), a Cámara de Comercio da Coruña a Cámara de Santiago, a Deputación da Coruña, a asociación empresarial Ineo, ASIME Vigo, a Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, a Cámara de Tui, ASIME Lugo, a Cámara de Lugo e a Cámara de Ourense.

