
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra (UVigo) acolle estas semanas o curso Gravación e produción musical, que permite aos seus máis de 20 inscritos e inscritas coñecer e traballar de xeito práctico cos diferentes procesos de produción musical, desde a gravación analóxica nun estudio ao uso de ferramentas de intelixencia artificial.
“O obxectivo é que saían do curso cunha visión ampla de todas as posibilidades que ofrece hoxe en día a tecnoloxía, para que logo poidan aplicar o criterio que se debería aplicar nun proceso de produción”, sinala o produtor e profesor da facultade Javier Abreu, responsable desta actividade formativa de 40 horas, que desenvolve a súa segunda edición con todas as súas prazas cubertas.

O curso forma parte dunha programación de cursos de verán aberta a toda a cidadanía. Abreu explica que o reto da actividade é que as e os participantes saian dela “cunha visión xeral” que lles permita “saber como deben abordar unha produción e gravación” e poidan logo seguir profundando en diferentes aspectos. Con esa idea, entre os obxectivos desta actividade figura tanto que poidan coñecer “o estado actual da industria de produción de música e as súas oportunidades”, como aplicar de xeito práctico procesos de produción musical tanto no eido do son orgánico como no do electrónico.
Coñecer e experimentar

A idea, engade Abreu, é que o alumnado adquira “esa visión xeral” ao tempo que “experimentan” con diferentes procesos, levándoos a traballar noutros ámbitos diferentes a aqueles cos que están máis familiarizados. As e os matriculados traballan divididos en cinco grupos de traballo, que abordan o desenvolvemento dun proxecto musical nun proceso “moi transversal, no que participan todos en todo”. Isto lévaos a enfrontarse tanto á definición inicial de “proxectos que parten de cero”, como a gravar no estudio ou traballar con ferramentas de intelixencia artificial e instrumentos midi. “Queremos que todos se enfronten a situacións que descoñezan”, sinala o produtor e docente. Nese senso, entre os contidos do taller figuran tanto os procesos aplicables a xestión de proxectos profesionais nun estudio de gravación, como o traballo nun home studio, do mesmo xeito que se abordan tanto a gravación con instrumentos como as técnicas e recursos para a produción de música electrónica e dixital.
Ao longo das diferentes sesións, as e os participantes enfróntanse, desde o enfoque da produción, como “deseñar un proxecto para logo levalo a cabo con procesos de gravación, utilizando diferentes tecnoloxías, tanto a gravación orgánica”, como o traballo con instrumentos virtuais, á vez que abordan “a utilización de ferramentas de intelixencia artificial”.
O profesor Abreu recoñece o peso crecente destas tecnoloxías en moitos dos procesos, o que motiva que un dos contidos deste curso sexa pór o foco en como na súa integración é precisa “unha reflexión que ten que ver coa produción, con como se implementa dunha maneira ética”.

