
Meta estaría a preparar unhas novas lentes con IA sen cámara que poderían chegar ao mercado xa en outubro. O modelo, coñecido internamente como Luna, podería ser presentado durante a conferencia anual Connect, que se celebrará os días 23 e 24 de setembro, segundo The Information.
Luna estaría dispoñible en dous deseños, denominados Clubmaster e Burbank. A ausencia de cámara sería a principal diferenza fronte ás actuais lentes intelixentes de Meta, que incorporan funcións de fotografía e gravación e teñen recibido críticas polos posibles usos para gravar outras persoas sen o seu coñecemento.
As novas lentes manterían as funcións de interacción coa intelixencia artificial. Contarían con seis micrófonos e altofalantes orientados cara aos oídos, permitindo conversar con Meta AI directamente desde as lentes. Tamén incorporarían un botón lateral para activar rapidamente o asistente.
O deseño apostaría ademais por unhas patillas máis finas, co obxectivo de achegar o seu aspecto ao das lentes convencionais. A eliminación da cámara permitiría evitar unha das principais preocupacións relacionadas coa privacidade que acompañaron o lanzamento das lentes con IA de Meta.

