
Snap presentou SPECS, unhas lentes de realidade aumentada que integran directamente o hardware necesario para funcionar sen depender dun dispositivo externo conectado por cable ou duha petaca. O novo dispositivo combina lentes transparentes, interacción mediante voz e mans e un sistema operativo deseñado arredor da intelixencia artificial.
SPECS representan a aposta de Snap por levar a informática máis alá das pantallas convencionais. As lentes permiten visualizar información e experiencias dixitais sobre o espazo físico, mentres o usuario interactúa con elas mediante comandos de voz e xestos.
Un dos principais elementos da proposta é SPECS Intelligence, un servizo de IA anticipatoria que funciona entre iPhone, Mac e as propias lentes. O sistema pode crear unha representación dos obxectivos, prioridades, relacións e rutinas do usuario a partir das aplicacións e ferramentas que este decida conectar, coa intención de ofrecer información ou accións relevantes sen necesidade de realizar previamente unha petición.
A versión preliminar de SPECS Intelligence xa está dispoñible nos EE.UU. para maiores de 18 anos a través da aplicación para iOS. O acceso á experiencia completa para Mac realizarase inicialmente mediante invitación.
As capacidades de realidade aumentada inclúen aplicacións deportivas desenvolvidas con entidades como a NBA e a WNBA, con exercicios de baloncesto que superpoñen indicacións visuais sobre o espazo real. Tamén hai experiencias para practicar fútbol ou golf, cun sistema capaz de analizar os movementos e ofrecer indicacións sobre a técnica. A colaboración con ALO Wellness Club engadirá o próximo ano experiencias relacionadas co exercicio, a recuperación e a atención plena.

O entretemento tamén ocupa unha parte importante da plataforma. SPECS incorpora un navegador capaz de reproducir contido de YouTube, HBO Max e outros servizos nunha pantalla virtual equivalente, segundo Snap, a unha de 115 polgadas situada a uns tres metros de distancia. O modo Travel mantén estable a imaxe durante desprazamentos en tren ou avión. Spotify, pola súa banda, permite solicitar música ou podcasts mediante voz ou utilizar unha fotografía para obter recomendacións adaptadas ao momento.
A realidade aumentada tamén se utilizará para experiencias relacionadas con Harry Potter. En colaboración con HBO Max, unha nova lente permitirá interactuar con diferentes momentos da historia, como recibir a carta de aceptación de Hogwarts, escoller unha variña ou lanzar feitizos.
A aprendizaxe é outro dos usos previstos. SPECS pode mostrar información contextual sobre o que rodea o usuario ou ofrecer experiencias educativas específicas, como Apollo 11, que recrea virtualmente a misión lunar, ou Starmap, que identifica e superpón constelacións sobre o ceo.
As funcións sociais permiten compartir experiencias no mesmo espazo mediante Connected Lenses, con xogos como dominó, xadrez ou tenis de mesa. A conexión Bluetooth cun teléfono tamén permite recibir chamadas, consultar notificacións e escoitar música sen utilizar as mans. Snapchat foi adaptado especificamente ás lentes e permite facer fotografías cun simple xesto cos dedos ou iniciar videochamadas.
Snap asegura que SPECS non empregan recoñecemento facial para identificar persoas nin gravan continuamente o que sucede ao redor. Tampouco gardan de maneira continua audio, vídeo ou fotografías. Cando o usuario realiza unha gravación, un LED externo situado no centro da montura ilumínase ou parpadea para advertir as persoas próximas.
A tradución permite mostrar subtítulos directamente no campo de visión cando alguén fala noutra lingua. O sistema admite 60 idiomas e pode seguir o interlocutor, traducir as súas palabras e presentar o resultado sobre a escena. A navegación funciona de maneira similar, con frechas superpostas ao mundo real e indicacións de voz opcionais.
A integración con Tripadvisor permitirá localizar restaurantes, lugares de interese e actividades próximas, ademais de consultar recomendacións, traducir recensións e expresións locais ou converter moedas. Para as compras, a integración co catálogo de Shopify permite visualizar produtos en 3D e situalos a tamaño real dentro dunha estancia antes de realizar a compra na web do comerciante.
As lentes tamén poden funcionar como estación de traballo. A conexión sen fíos cun ordenador permite ampliar o espazo de escritorio e crear pantallas e áreas de traballo virtuais. A ferramenta Whiteboard converte o espazo físico nunha superficie para organizar ideas, fluxos de traballo ou diagramas, mentres que o soporte de periféricos Bluetooth permite utilizar teclados para editar documentos.
O enfoque empresarial inclúe integracións con Salesforce, Amazon Web Services, nVIDIA, Trifork e Hololight, entre outras. A intención é levar as capacidades de realidade aumentada a lugares como tendas, fábricas e traballos de campo nos que resulta especialmente útil manter as mans libres e a atención sobre o espazo físico.
As SPECS terán un prezo inicial de 2.195 dólares nos EE.UU., cun depósito reembolsable de 200 dólares para as reservas. O paquete que inclúe a funda con conectividade celular custará 2.395 dólares. O lanzamento está previsto para finais deste outono nos EE.UU., Reino Unido e Francia, e aínda que é de prever que a súa recepción sexa tan mala como a de propostas anteriores de Snap, é un xeito interesante de comprobar cara onde pode avanzar esta tecnoloxía antes de que a achegue xigantes como Google ou Apple.

