
A creatividade tecnolóxica galega non ten parada. Estes días puidemos coñecer o proxecto Rock and Re-Roll, unha innovadora iniciativa nada en Pontevedra que amplía os horizontes do noso lecer en liña directamente ata máis alá das redes (ata a nosa vida cotiá sen tecnoloxía).
Segundo apunta o creador deste proxecto respecto das súas orixes, Rock and Re-Roll foi evolucionando desde unha pequena ferramenta persoal ata converterse nunha plataforma social para seareiros dos xogos de mesa: unha app que converte os xogos de mesa nunha nova forma de coñecer xente.

“Todo comezou cunha aplicación que desenvolvín para rexistrar as partidas do meu propio grupo de amigos, e co tempo o proxecto foi incorporando estatísticas, ludoteca, comunidades, chats e ferramentas para atopar outros xogadores e organizar partidas presenciais”, explica Guillermo Cerviño, creador da ferramenta, desenvolvedor de aplicacións e experto en redes sociais, que engade que “hoxe a través da nosa aplicación Rock Stats, os usuarios poden descubrir xogadores e comunidades próximas, atopar partidas abertas, apuntarse a elas e poñerse en contacto antes de quedar para xogar”.
Engade que a idea de fondo é sinxela: “Trátase de empregar a tecnoloxía para conseguir que as persoas acaben deixando o móbil e coñecéndose arredor dunha mesa. Atopar parella ten as súas aplicacións. Atopar compañeiros para practicar deporte tamén. Pero miles de afeccionados aos xogos de mesa atópanse cun problema: teñen ganas de xogar, pero non sempre teñen con quen facelo”.
A dita é unha das necesidades que tenta resolver Rock and Re-Roll, un proxecto tecnolóxico nado en Pontevedra con aplicación móbil, Rock Stats, que permite descubrir xogadores e comunidades, localizar actividade próxima, organizar partidas presenciais, apuntarse a mesas abertas e falar con outros participantes antes de atoparse.

O obxectivo final, con todo, non ocorre dentro do teléfono: acontece ao redor dunha mesa.
Rock and Re-Roll naceu cando o desenvolvedor pontevedrés Guillermo Cerviño Porto creou unha ferramenta para rexistrar as partidas do seu propio grupo de amigos. O que inicialmente era un rexistro persoal foi medrando ata incorporar estatísticas, ludoteca, fotografías, comunidades, chats e ferramentas destinadas a conectar xogadores. Posteriormente incorporouse ao proxecto Miguel Ángel Ferreira Lorenzo.
Segundo explican, Rock and Re-Roll non pretende substituír os xogos físicos por versións dixitais. A súa proposta consiste precisamente en utilizar a tecnoloxía para facilitar que as persoas se coñezan e terminen xogando presencialmente. A plataforma naceu en Galicia, pero conta con comunidades e usuarios repartidos por diferentes puntos de España. Rock Stats está dispoñible para Android e iOS.

