
O Concello e a Universidade de Santiago colaboran, un ano mais, para organizar a Feira de Emprendedoras de Compostela, unha edición número VIII que nace coa “vontade de recoñecer, visibilizar e proxectar o traballo desenvolvido durante dúas décadas por mulleres emprendedoras vencelladas á USC e ao territorio compostelán”, segundo informan dende a organización, poñendo o foco noutro dos obxectivos clave: pór en valor a alianza estratéxica entre a Universidade e a Administración local como motor dun ecosistema emprendedor feminista, sostible e innovador.
A feira levarase a cabo o sábado 26 de setembro na praza da Quintana, dende as 10 ata as 19h.
Este ano, ademais, o desenvolvemento da cita coincide coa celebración dos 20 anos de Woman Emprende, un programa pioneiro da Universidade de Santiago de Compostela a través do cal a institución educativa incorporou a perspectiva de xénero ao seu ecosistema emprendedor (desde entón, centos de emprendedoras atoparon na USC un espazo de apoio, formación, inspiración, visibilización e creación de redes grazas ao incansable traballo de Woman Emprende).
Carácter transversal
Segundo fan saber o Concello e a Universidade, a Feira de Emprendedoras de Compostela vai consolidar esta ano “un carácter transversal e multisectorial, integrando proxectos dos ámbitos artesanal, cultural, universitario, social, circular, dos coidados, da saúde, tecnolóxico e dixital, nun exercicio de síntese que reflicte a diversidade, madurez e impacto do emprendemento feminino en Compostela.
Obxectivos xerais… e específicos
As entidades organizadoras queren consolidar a Feira de Emprendedoras de Compostela como “espazo de referencia para a visibilización, formación, reflexión e conexión do emprendemento feminino, celebrando 20 anos de traxectoria universitaria e reforzando o impacto social e
económico das mulleres emprendedoras”. Nun plano máis específico búscase visibilizar proxectos emprendedores liderados por mulleres, en diferentes fases e sectores; recoñecer a traxectoria histórica do emprendemento feminino na USC e no territorio; favorecer espazos de encontro entre emprendedoras, estudantado, profesorado, administracións e cidadanía; ofrecer formación práctica e especializada para a mellora e consolidación dos proxectos; xerar reflexión colectiva sobre os retos presentes e futuros do emprendemento feminino; e máis reforzar redes de colaboración, mentorización e apoio mutuo.
Os grandes eixes
A VIII Feira preséntase como “un espazo vivo e diverso”, artellado arredor de cinco grandes eixes complementarios que combinan exposición, reflexión, aprendizaxe e celebración: unha feira expositiva multisectorial; mesas redondas e diálogos; obradoiros participativos; espazos de encontro, memoria e celebración; e Zona Gastro e música en directo.
A feira expositiva multisectorial constitúe o corazón do evento, un espazo aberto á cidadanía onde se darán cita proxectos liderados por mulleres de distintos ámbitos: emprendemento artesanal e creativo, iniciativas culturais e artísticas, proxectos universitarios e spin-offs, economía social e solidaria, economía circular e sostible, economía dos coidados e da saúde e propostas tecnolóxicas e dixitais con perspectiva de xénero.
“Este espazo permitirá ao público coñecer de primeira man produtos, servizos e experiencias, favorecendo o contacto directo, a colaboración e a creación de redes entre emprendedoras e cidadanía”, informaron a USC e o Concello.
20 aniversario de Woman Emprende
Como dixemos, a feira coincide coa celebración do 20 aniversario de Woman Emprende. Hai vinte anos, a Universidade de Santiago de Compostela incorporou a perspectiva de xénero ao seu ecosistema emprendedor a través de Woman Emprende, un programa pioneiro creado para acompañar, asesorar e visibilizar as mulleres que decidiron converter as súas ideas en proxectos empresariais. Dende entón, “centos de emprendedoras atoparon na USC un espazo de apoio, formación, inspiración e creación de redes”, informa a USC, salientando que “foron anos de traballo compartido para abrir oportunidades, fortalecer alianzas, mobilizar recursos e acompañar a mulleres que apostaron por crear proxectos en ámbitos tan diversos como a tecnoloxía, a cultura, a saúde, a artesanía, o deseño ou a economía social.”
A VIII Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela quere recoñecer ese camiño e dar voz ás mulleres que o fixeron posible.
Programa de actividades
10:00 h | Apertura da feira
Apertura oficial da VIII Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela.
10:30 h | Acto inaugural
Inauguración institucional da VIII Feira das Emprendedoras de Comopostela
10:00 – 19:00 h | Feira expositiva
10:00 – 19:00 h | Música ambiente
10:00 – 19:00 h | Espazo Gastro
11:00 – 12:00 h | Mesa redonda
20 anos emprendendo: historias que inspiran
Mesa de conversa con emprendedoras que, nalgún momento da súa traxectoria, recibiron asesoramento ou acompañamento de Woman Emprende e que representan distintas formas de innovar e crear empresa desde Galicia.
Participan: Diana Lameiro, directora de Lingoreta, Centro de Logopedia especializado nas ramas de
Psicoloxía, Pedagoxía, Terapia Ocupacional e Psiquiatría; Jose Castro, directora de Noroeste Obradoiro, referente da xoiería contemporánea galega e do deseño artesanal en Santiago de Compostela; Nayade Bravo, emprendedora vinculada ao proxecto de kombucha logo incorporado ao grupo Casa Grande de Xanceda; e Roni Herrán, artista multidisciplinar, deseñadora e docente en diferentes disciplinas.
12:00 – 13:00 h | Mesa redonda
Tecendo redes: asociacións que impulsan o liderado feminino
Un diálogo arredor do papel das asociacións, redes profesionais e entidades que traballan polo fortalecemento do emprendemento e do liderado das mulleres en Galicia.
Participan: Carmen Costa, presidenta de Executivas de Galicia; Gala Llano, presidenta de Empresarias Galicia; Eva López, presidenta de Em-Rede; e Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop
11:00 – 13:00 h | Obradoiro de estampaxe artesanal. Imparte Sandra de Rego
13:00 – 16:00 h | DJ Víctor Domínguez, @dj_victorriveiro
13:15 h | Conversas de feira e networking.
Espazo aberto de conversa distendida.
15:30 – 17:00 h | Obradoiro de comunicación e marca persoal. Imparte Mar Castro.
16:00 – 18:00 h | Obradoiro para fabricar unha robot tola. Vai dirixido a maiores de 7 anos que queiran coñecer a Simone Giertz, enxeñeira, inventora e creadora de robots divertidos que demostran que equivocarse tamén forma parte da aprendizaxe. Construirase unha robot tola empregando materiais reciclados, elementos de traballos manuais, un pequeno motor e electrónica básica para darlle movemento. Unha actividade onde a creatividade é máis importante que a perfección e na que cada robot será única. Impartido por Vermislab.
18:30 h | Peche da feira.

