
A Casa do Saber da Vicerreitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Lugo acollerá o luns 21 de setembro, ás 16.30 horas, o acto central da conmemoración do Día Internacional do Alzhéimer coa estrea do vídeo Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar, a primeira produción da cuarta edición do proxecto de divulgación científica Ciencia á Feira, que se desenvolverá durante o curso 2026/2027.
A peza audiovisual mostra como desde o Campus de Lugo da USC se está a abordar a investigación sobre o alzhéimer desde áreas de coñecemento tan diferentes como a Química-Física, a Bioquímica, a Enxeñaría ou a Veterinaria.

O vídeo pretende achegar á cidadanía, cunha linguaxe divulgativa, algunhas das principais preguntas que formula actualmente a investigación: como se inicia a enfermidade, como se poden identificar os seus primeiros sinais e que novas vías se están explorando para detectala e tratala.
Dende o Campus de Lugo lembran que a investigación molecular sobre as proteínas relacionadas coa doenza, o emprego da fluorescencia para estudar procesos asociados ao dano neuronal, o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas, a aplicación da intelixencia artificial á detección precoz do deterioro cognitivo ou o estudo deste tipo de alteracións en cans forman parte das diferentes liñas que se presentan nesta produción audiovisual.

O vídeo incorpora tamén a perspectiva social e terapéutica da man de AFALU, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Lugo. A peza reivindica “a importancia de coñecer e visibilizar unha enfermidade que non debe vivirse en silencio e destaca o valor da prevención, da detección temperá, do acompañamento profesional e do apoio ás persoas afectadas e ás súas familias”.
No acto participarán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo; a secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, Elvira Paloma Fernández Domínguez, e a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández.
Por parte de AFALU participará a súa coordinadora e vicepresidenta, Iria Franco. Tamén están convidados os equipos investigadores que traballan sobre o alzhéimer desde o Campus de Lugo da USC, coa presenza da coordinadora do proxecto, Mercedes Novo Rodríguez, así como a psicóloga Jessica Díaz García e a mediadora comunicativa Laura Rodríguez Vázquez, ambas as dúas profesionais de AFALU.
