
A asociación Ineo, histórica alianza galega de empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), celebrou hoxe o seu 20 aniversario cun acto institucional na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), en Vigo, que reuniu a representantes do ámbito empresarial e institucional, socios, antigos presidentes, colaboradores e persoas vinculadas á traxectoria da entidade.
A xornada serviu para facer balance dos 20 anos de percorrido de Ineo e poñer o foco nos desafíos e nas oportunidades que afronta o sector tecnolóxico galego, cun programa que combinou intervencións institucionais, contidos audiovisuais e testemuños de empresas asociadas.
O acto contou coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (e ex-presidente de Ineo), Jorge Cebreiros, e a presidenta de Ineo, Lourdes Guerra.
Lourdes Guerra fixo un repaso pola evolución da tecnoloxía nas dúas últimas décadas e pola consolidación do sector TIC galego. “O peso do sector fala por si só: segundo os datos publicados pola Xunta este ano, Galicia conta con máis de 3.100 empresas TIC e máis de 23.000 empregos no sector, que representa ao redor do 2,5% do PIB galego”, sinalou a presidenta de Ineo, quen tirou proveito da súa intervención para agradecer o impulso institucional e puxo en valor o traballo realizado durante estes anos polas empresas do sector, o equipo de Ineo e os seus anteriores presidentes.

Durante a celebración proxectouse o vídeo Ineo, 20 anos construíndo futuro, un percorrido audiovisual vinculado a estas dúas décadas de traxectoria. Máis tarde, o director de Operacións de Ineo, Luis Rey, realizou un balance destes 20 anos; empezando pola creación da entidade en 2006 da man dun grupo de empresas tecnolóxicas “que entenderon que se necesitaba unha voz común que representase os seus intereses, coñecese a súa realidade e axudase a afrontar retos”.
E rematou: “Hai vinte anos, un grupo de empresas decidiu que merecía a pena organizarse e avanzar unido. Hoxe temos a responsabilidade e a oportunidade de continuar aquel proxecto. Sigamos facendo de Ineo unha asociación útil, próxima e capaz de abrir oportunidades para as empresas e as persoas de Galicia”.
As firmas socias de Ineo tamén tiveron un papel protagonista na celebración a través dun vídeo de testemuños, que deu paso ao bloque de peche institucional e mensaxe de futuro.
Pecharon o acto institucional as intervencións de Lourdes Guerra e do presidente do Consello Consultivo de Ineo e delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades. Como colofón á celebración, os asistentes compartiron un cóctel e un espazo de networking.
Unha celebración mirando aos vindeiros 20 anos

Ao longo destas dúas décadas, Ineo consolidou o seu papel como axente de impulso do sector TIC galego, acompañando ás súas empresas e contribuíndo a mellorar a competitividade do tecido empresarial desde dúas posicións complementarias: representando e acompañando ás empresas asociadas, como patronal do sector tecnolóxico galego, e tendendo pontes entre quen desenvolve tecnoloxía e quen necesita incorporala.
Neste percorrido, Ineo mobilizou máis de 20 millóns de euros para proxectos tecnolóxicos vinculados á asociación e ás súas empresas desde a súa creación. Nos últimos anos, apoiou a dixitalización de máis de 1.800 empresas galegas, principalmente pemes e autónomos, e asesorando de xeito individual a máis de 900, con máis de 300 axudas tramitadas.
Para os próximos anos, a asociación continúa centrada na visibilización das capacidades das súas empresas. A súa folla de roteiro inclúe o impulso de novos proxectos de innovación e a apertura de máis oportunidades de cooperación europea e de internacionalización das empresas que conforman a entidade. Así mesmo, centrarán os seus esforzos en estreitar relación co emprendemento e a formación para conectar novas ideas e novos profesionais coas súas empresas.
Lorenza enxalza o papel xogado polo sector TIC na economía galega

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu na celebración cualificando de “imprescindible” o sector TIC por ser non só un sector que innova, senón a infraestrutura que permite a todos os demais innovar. “Cando as TIC innovan, transforman a industria, a medicina, a educación, a seguridade e a defensa, a nosa vida cotiá”, dixo.
Tamén salientou que o obxectivo do Plan director da industria das TIC, aprobado o pasado mes de xuño pola Xunta cun orzamento de 62 millóns de euros, é seguir fortalecendo todo este ecosistema en Galicia porque “é fundamental para a competitividade e o crecemento da economía galega”.
Por un lado, dixo, polo seu impacto transformador noutras industrias, como pode ser a da seguridade e a defensa, posto que moitas das tecnoloxías máis disruptivas que precisa este sector están sendo desenvolvidas por empresas TIC, lembrou. Ao respecto, avanzou que na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) o sector TIC vai ter un especial protagonismo, “porque do que se trata é de transferir toda esa innovación civil cara a aplicacións de seguridade e defensa para que Galicia se converta nun territorio capaz de desenvolver, fabricar e exportar tecnoloxía de alto valor engadido”.
Por outra banda, tendo en conta o papel da tecnoloxía nas empresas, a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que está ultimando a Xunta, vai estar estreitamente ligada ás TIC, “porque o principal obxectivo é que todas as empresas galegas teñan a oportunidade e os recursos para dixitalizarse”.
Engadiu que “só desde 2020, o sector en Galicia medrou un 21 por cento, con 4.000 novos profesionais incorporados ás 3.108 empresas que operan neste ámbito na comunidade autónoma”. Actualmente conta 23.467 persoas afiliadas, que son un 20 por cento máis que hai seis anos.
