
A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do programa educativo Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, que permitirá desenvolver ata 250 obradoiros nos centros educativos dirixidos ás familias. O obxectivo é proporcionarlles ferramentas e coñecementos para acompañar e orientar os seus fillos no uso seguro, responsable e proveitoso da tecnoloxía no ámbito familiar e de lecer.
A iniciativa, enmarcada na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, busca reforzar o papel das familias na información, o benestar dixital e a ciberseguridade. Así, ofrece ás nais, pais e titores legais de alumnado de entre 10 e 18 anos recursos para coñecer mellor a realidade dixital dos menores e acompañalos tanto ante as oportunidades como ante os riscos asociados ao uso da Internet.
A selección realizarase por orde de entrada das solicitudes ata completar os 250 centros previstos. Esta edición forma parte do conxunto de medidas da Xunta para avanzar na mellora do ensino híbrido en Galicia, con actuacións centradas nos contidos, na formación do profesorado e no benestar dixital das familias. Entre estas medidas figura tamén a nova lei de educación dixital, coa que se pretende establecer dereitos, garantías e regras ante os desafíos que as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial xa presentan nos centros educativos, tendo en conta tamén as demandas das familias a favor dun uso equilibrado.
Formación presencial e recursos para continuar aprendendo
Os obradoiros, un por centro, desenvolveranse entre outubro de 2026 e xuño de 2027 e contarán con grupos de entre 10 e 50 participantes. As datas e os horarios serán acordados entre cada centro e os especialistas de AMTEGA.
As sesións terán un marcado carácter práctico e estarán impartidas por especialistas de AMTEGA. Durante hora e media, as familias coñecerán os riscos dixitais máis frecuentes e as formas de previlos, aprenderán a configurar as opcións de privacidade e seguridade de redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles e coñecerán fórmulas de acompañamento e supervisión dixital.
A formación tamén abordará a xestión saudable do tempo de pantalla e a pegada dixital, ademais de ofrecer recursos que as familias poderán aplicar directamente no seu día a día.
Como novidade, gravarase unha sesión formativa que quedará dispoñible en Ciber Seguridade Galicia. Deste xeito, os contidos poderán ser consultados tamén por quen non teña a oportunidade de participar presencialmente ou queira repasar posteriormente os temas tratados.
