
O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, licitará por 3,5 millóns de euros o proxecto REHEAL, orientado á procura de solucións informáticas innovadoras que permitan reducir o impacto ambiental dos subministros sanitarios. Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta toma o relevo do Servizo Escocés de Saúde e convértese no comprador líder da iniciativa.
As solucións informáticas que se adopten no marco do proxecto serán probadas inicialmente pola área sanitaria de Lugo para, posteriormente, estendelas ao resto das áreas sanitarias galegas.
Enmarcado no programa Horizon Europe, REHEAL está liderado pola Universidade de Edimburgo e conta coa participación de sete entidades europeas de diferentes ámbitos. O proxecto dispón dun orzamento total de 7,3 millóns de euros e terá unha duración de catro anos. Ademais da Universidade de Edimburgo, do Sergas e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), participan o Servizo Nacional de Escocia (NSS), o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia-KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia) e o consorcio europeo EIT Digital.
O grupo de traballo do Sergas e da ACIS participou esta semana en Copenhague na asemblea xeral do proxecto, que reuniu os socios do consorcio para avanzar na definición e preparación da futura Compra Pública Precomercial europea.
A representación do departamento sanitario da Xunta estivo encabezada polo director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero; a xestora do proxecto europeo na ACIS, Carmen Orosa; o director de Asuntos Económicos da área sanitaria de Lugo, Juan Francisco Insua; e a coordinadora da estratexia de economía circular do Sergas, Beatriz Piñeiro.
Xestión eficiente e sostible dos recursos sanitarios
REHEAL busca contribuír á transformación das cadeas de subministro sanitario cara a modelos máis circulares, sostibles e resilientes mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras e o despregamento dunha estratexia de Compra Pública Precomercial. A iniciativa pretende facilitar unha xestión máis eficiente e sostible dos produtos e recursos sanitarios ao longo de todo o seu ciclo de vida, promovendo a redución de residuos, o reacondicionamento, a reutilización, a reciclaxe e a recuperación de recursos.
A xornada incluíu tamén unha visita a diferentes departamentos do Hospital Bispebjerg para coñecer sobre o terreo os fluxos asociados a determinados produtos sanitarios, os sistemas empregados e posibles escenarios para a futura pilotaxe das solucións desenvolvidas no proxecto, con especial atención aos quirófanos verdes.
A participación do sistema sanitario galego nesta iniciativa europea permitirá incorporar as necesidades e características do sistema público de saúde de Galicia á definición dun reto común con outros sistemas sanitarios do continente, así como contribuír ao desenvolvemento de solucións innovadoras orientadas a unha xestión máis circular e sostible das cadeas de subministro sanitarias.
