
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza este venres 25 de setembro en Guitiriz unha nova entrega dos obradoiros contra a desinformación na provincia de Lugo, organizados coa subvención da Deputación de Lugo. O taller de alfabetización mediática, deseñado para trasladar a poboación adulta coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas, terá lugar ás 19:30 na Escola Habaneira e estará impartido por Pilar Rodríguez Losada.
A sesión encádrase na xira do Colexio contra a desinformación nas redes e as loiadas en liña: un percorrido por unha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai celebrarse na Escola Habaneira de Guitiriz (rúa do Concello, 42). A poboación desta localidade da Terra Cha poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas.
O obradoiro estará impartido pola xornalista Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas en liña da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
