
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou o Plan IA360, un itinerario con medidas para os vindeiros 12 meses coa que o Executivo pretende acelerar a adopción da intelixencia artificial en España, reforzar as capacidades tecnolóxicas do país e establecer mecanismos de seguridade e supervisión. A proposta sitúa entre as prioridades a protección dos menores, a ciberseguridade e a adaptación do mercado laboral aos cambios derivados desta tecnoloxía.
O plan articúlase arredor de catro grandes obxectivos: reforzar o músculo tecnolóxico español, converter a adopción da IA nun motor económico e de creación de talento, desenvolver a súa gobernanza e promover un acordo entre empresas, traballadores, sindicatos, formación, comunidade científica e poderes públicos.
Entre as actuacións previstas figura o impulso de proxectos estratéxicos como a gigafactoría de IA e o desenvolvemento, xunto ao Barcelona Supercomputing Center (BSC), de novos modelos orientados a ámbitos como a emerxencia climática, a enerxía ou a saúde. Tamén se contempla fomentar centros de datos con estándares enerxéticos e ambientais elevados e reforzar a soberanía sobre os datos almacenados nestas infraestruturas. Cómpre salientar que, aparte do BSC, o Plan tamén destaca que o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) conte cunha factoría de intelixencia artificial.
O Plan IA360 incorpora ademais un Bono de Intelixencia Artificial destinado a pemes e autónomos, cun obxectivo de que máis da metade das empresas españolas empreguen IA na súa actividade en 2030. A formación terá tamén un papel relevante, coa adaptación dos currículos de secundaria e FP para ensinar a utilizar estas ferramentas e abordar os seus efectos sobre os procesos de aprendizaxe.
A seguridade constitúe outro dos eixes da proposta. O Goberno prevé reforzar o escudo de ciberseguridade e incrementar a supervisión dos modelos de fronteira considerados máis ofensivos. Sánchez tamén anunciou a creación dun «Contrato Social pola Intelixencia Artificial», concibido como un pacto de país para afrontar os cambios que a tecnoloxía pode introducir no emprego e na vida cotiá. A intención é convocar os axentes sociais xa o vindeiro mes.

Durante a presentación, Sánchez defendeu a necesidade de combinar innovación e regulación. «Afrontamos un serio problema sobre como imos vivir e convivir» coa IA, afirmou, ao tempo que advertiu dos riscos dunha tecnoloxía «desregulada, opaca, en desbandada e en mans duns poucos». O presidente reclamou mecanismos de «trazabilidade e supervisión» para garantir un desenvolvemento orientado ao benestar colectivo.
O Executivo sitúa España nunha posición favorable para afrontar esta transformación pola súa infraestrutura dixital, capacidade de cómputo, dispoñibilidade de enerxía renovable e presenza de talento tecnolóxico. Sánchez sinalou que case a metade da poboación española en idade laboral xa utiliza IA xerativa e que unha de cada cinco empresas emprega esta tecnoloxía de maneira habitual. Tamén destacou o papel de España na aprobación da Lei Europea de IA durante a súa presidencia do Consello da UE e a creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
A dimensión internacional tamén forma parte da estratexia. O Goberno pretende reforzar a cooperación con outros países e organismos como a Oficina Europea de IA, o Panel Científico da ONU e o Diálogo Global sobre IA para promover mecanismos de responsabilidade ante problemas relacionados cos deepfakes, os posibles efectos sobre a saúde mental de menores e mozos ou o uso indebido de propiedade intelectual.

Carlos Cuerpo, vicepresidente primeiro e ministro de Economía, Comercio e Empresa, defendeu durante o acto a necesidade de garantir un «acceso real» á IA para pemes, autónomos e centros educativos, así como reducir as barreiras económicas que poden favorecer a concentración da tecnoloxía en poucas empresas. Tamén apostou por desenvolver empresas, centros de investigación e modelos propios para configurar un ecosistema español e europeo cunha escala suficiente.
O ministro anunciou igualmente a convocatoria dunha mesa na que participarán expertos, sindicatos, empresas, científicos, universidade, sociedade civil e Administración para avanzar nun acordo nacional sobre a IA. Segundo Cuerpo, o obxectivo é crear un marco con «regras, supervisión, folla de ruta» que permita afrontar a expansión da tecnoloxía sen situar a sociedade entre «o entusiasmo cego e o medo».

