
A vindeira xeración de tarxetas gráficas de nVIDIA podería non chegar en 2027 como se esperaba inicialmente se atendemos ao que di o coñecido filtrador Kopite7kimi, quen asegura que o proxecto identificado como GR20x, asociado á futura arquitectura Rubin e á familia GeForce RTX 60, foi atrasado ata 2028.
«Espero que Jensen poida ver a paixón de todos e lance novos produtos para xogos o antes posible. Desafortunadamente, GR20x é un produto de 2028. Iso significa que volveron atrasalo», sinalou o filtrador nunha publicación en X, na que tamén advertiu de que tratará de reducir as súas actualizacións ata que exista información definitiva.
A información entra en contradición con outras filtracións recentes. Moore’s Law is Dead apuntara a que as GPU baseadas en Rubin poderían chegar durante o primeiro semestre de 2027, polo que polo momento non existe confirmación independente sobre o calendario da futura xeración.
O posible atraso prodúcese nun momento no que nVIDIA está a dedicar unha parte cada vez maior dos seus recursos á infraestrutura de intelixencia artificial. A elevada demanda de GPU e memoria para centros de datos xa fora relacionada anteriormente con posibles cambios nos plans para produtos destinados ao mercado de consumo, incluída a suposta cancelación dunha actualización Super da actual xeración RTX 50.
A situación do mercado da memoria tamén complica o panorama. O incremento da demanda asociado á IA está a presionar os prezos de DRAM e outros compoñentes, o que repercute no custo das tarxetas gráficas. O prezo da GeForce RTX 5090, que chegou ao mercado a un prezo de 1.999 dólares, pero actualmente é habitual atopar esas gráficas a máis de 5.000 euros.
nVIDIA tamén deixou de presentar o negocio de xogos como unha categoría independente nos seus resultados financeiros, integrando GeForce dentro de Edge Computing xunto con actividades como a robótica. Nos seus últimos resultados trimestrais, a atención estivo centrada fundamentalmente no crecemento do negocio de centros de datos e intelixencia artificial.
Se o atraso de GR20x se confirma, a vindeira gran renovación das GeForce podería quedar, polo tanto, para 2028, prolongando a vida comercial da xeración RTX 50 e afastando a chegada das primeiras tarxetas de consumo baseadas en Rubin.

