
A comunidade educativa do Colexio Juana de Vega, de Oleiros, compartiu a súa experiencia na combinación de recursos dixitais e materiais impresos nas aulas no marco do proxecto E-Dixgal, durante a visita realizada onte pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey Rodríguez.
O encontro enmárcase no impulso da Xunta ao modelo de ensino híbrido a través de E-Dixgal, un programa no que participan 596 centros de toda Galicia e algo máis de 60.000 estudantes. A visita permitiu coñecer as experiencias do alumnado e do profesorado, recoller as achegas das familias e presentar as novidades previstas para este curso.
O modelo híbrido combina as ferramentas e os contidos dixitais de E-Dixgal con materiais editoriais impresos, de maneira que cada centro pode seleccionar os recursos máis axeitados ás súas necesidades pedagóxicas.
Este enfoque conta co apoio do 86,6 % das familias galegas, segundo a enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística para coñecer a opinión das familias durante o proceso de elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia. Ademais, o 73,3 % valorou favorablemente o uso das ferramentas dixitais por parte do profesorado como apoio á aprendizaxe.
O desenvolvemento da competencia dixital foi outro dos asuntos abordados durante o encontro. Compartíronse experiencias orientadas a favorecer a autonomía do alumnado e a súa capacidade para empregar a tecnoloxía de maneira responsable, crítica e segura, tanto no día a día escolar como nas seguintes etapas da súa formación.
Entre as novidades deste curso destaca a incorporación de recursos educativos impresos e materiais manipulativos aos centros E-Dixgal. Para facelo posible, a Consellería de Educación licitou un contrato por máis de 1,1 millóns de euros.
A dotación incluirá fichas didácticas de repaso, ampliación e actividades prácticas, adaptadas aos distintos niveis e ás áreas de ciencias, linguas e matemáticas. Estes materiais están orientados a traballar a comprensión, a expresión escrita, o razoamento lóxico, a creatividade e a investigación.
As fichas complementaranse con instrumentos de experimentación e medición, figuras xeométricas, mapas e xogos didácticos. Cada aula contará cun moble contedor cos recursos organizados e identificados, en cantidade suficiente para facilitar o traballo en equipo.
A iniciativa irá acompañada de formación específica para o profesorado sobre a integración destes materiais na práctica docente e o emprego de metodoloxías activas. Tamén se organizarán xornadas e talleres para orientar as familias sobre o uso responsable e seguro da tecnoloxía e o acompañamento dos seus fillos durante a aprendizaxe.

