
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a responsable de Woman Emprende, Eva López, presentaron hoxe a VIII Feira das Emprendedoras de Compostela, un evento que pretende recoñecer e visibilizar o traballo de mulleres emprendedoras ligadas a Santiago e á USC.

A tenenta de alcaldesa puxo en valor a colaboración entre as dúas institucións, Concello e Universidade, “que vai máis alá desta feira, e que contribúe a crear un ecosistema emprendedor feminista, sostible e innovador”.
María Rozas tamén felicitou a Woman Emprende polo seu 20 aniversario, e agradeceulle o traballo que ven desenvolvendo a rede “en apoio de centos de mulleres emprendedoras que atopan nese programa o asesoramento, a formación e o apoio que precisan para poñer en marcha os seus proxectos empresariais”.
20 anos de Woman Emprende

Segundo indicaron, a VIII Feira das Emprendedoras de Compostela “terá unha localización e un formato especiais, por mor da celebración do 20 aniversario de Woman Emprende”. O evento desenvolverase na praza da Quintana, en pleno centro histórico da capital galega, e, ao contrario que en edicións anteriores, non estará centrado nun sector concreto senón que fará un percorrido transversal por proxectos de mulleres emprendedoras en diferentes ámbitos como a artesanía, a cultura, os coidados, a saúde, ou as novas tecnoloxías.
Eva López dixo que se trata de “amosar mellor a diversidade do emprendemento feminino ao longo destes 20 anos de traxectoria de Women Emprende, e de mostrar que é posible emprender en distintos campos, é posible facelo desde valores feministas, e pódese facer tendo bos resultados empresariais”.
Eva López explicou tameń que a VIII Feira das Emprendedoras quere ser sobre todo “un espazo de mostra de produto ao modo das feiras de Galicia de toda a vida”, e por iso haberá unha ampla zona de exposición “que será o corazón do evento” e na que participarán vinte emprendedoras.

Tamén están previstas dúas mesas redondas. A primeira leva por título 20 anos emprendendo: historias que inspiran, e nela participarán mulleres que nalgún momento da súa traxectoria recibiron o asesoramento de Woman Emprende.
Participarán Diana Lameiro, directora de Lingoreta; Jose Castro, directora de Noroeste Obradoiro; Náyade Bravo, da Casa Grande de Xanceda; e Roni Herrán, artista multidisciplinar. A segunda das mesas,Tecendo redes: asociacións que impulsan o liderado feminino, contará coa participación de Carmen Costa, presidenta de Executivas de Galicia; Gala Llano, presidenta de Empresarias de Galicia; Eva López, presidenta de Em-Rede; e Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop.
A programación da Feira complétase con obradoiros, actividades dirixidas ao público infantil, e unha zona gastro. O acceso é libre e de balde.

