
Os novos ordenadores de sobremesa de Apple xa están dispoñibles nas tendas Apple, na súa web e a través da aplicación Apple Store. O Mac mini incorpora os procesadores M6 e M5 Pro, mentres que o Mac Studio ofrece configuracións con M5 Max e o novo M5 Ultra.
O Mac mini, orientado tanto ao uso cotián como a tarefas de desenvolvemento, creación de contido e intelixencia artificial, integra no modelo con M6 unha CPU de 12 núcleos, unha GPU de 12 núcleos con aceleradores neuronais en cada núcleo e un Neural Engine Dual de 16 núcleos. A memoria unificada parte de 16 GB e pode chegar aos 32 GB, cun ancho de banda de ata 170 GB/s.
Segundo as cifras facilitadas por Apple, o Mac mini con M6 consegue ata catro veces máis rendemento en tarefas de IA, duplica o rendemento gráfico e a velocidade de almacenamento e ofrece un 40 % máis de rendemento da CPU respecto da xeración anterior. A compañía apunta a usos como a multitarefa, os fluxos de traballo con axentes de IA, a produción musical ou a compilación de código.
A versión con M5 Pro eleva a configuración ata unha CPU de 18 núcleos e unha GPU de 20 núcleos, con ata 64 GB de memoria unificada e 307 GB/s de ancho de banda. Ambos os modelos incorporan Wi-Fi 7, Bluetooth 6 e Ethernet de 2,5 Gb, con opción de conexión de 10 Gb.

O Mac Studio sitúase por riba da gama e está pensado para cargas de traballo profesionais relacionadas coa edición de vídeo, os gráficos 3D, os efectos visuais, o desenvolvemento de software e a IA executada localmente. O modelo con M5 Max dispón dunha CPU de 18 núcleos, unha GPU de ata 40 núcleos e ata 128 GB de memoria unificada.
O M5 Ultra alcanza os 36 núcleos de CPU e 80 de GPU, con ata 512 GB de memoria unificada e un ancho de banda de memoria de 1,2 TB/s. Esta configuración está orientada a tarefas como a gradación en tempo real de vídeo 8K sen comprimir, a renderización de escenas complexas ou a execución local de modelos de linguaxe de gran tamaño.
Os dous Mac Studio incorporan Thunderbolt 5, con transferencias de ata 120 Gb/s, e permiten conectar almacenamento externo de alta velocidade, sistemas de expansión PCIe e concentradores. Apple tamén permite agrupar varios Mac Studio mediante Thunderbolt 5 e Remote Direct Memory Access (RDMA), cun incremento de ata tres veces no rendemento da inferencia distribuída de IA fronte a un único equipo. O ordenador admite ata oito pantallas, ou catro Studio Display XDR a resolución 5K e 120 Hz.
A integración con macOS 27 Golden Gate engade ás novas máquinas as funcións de Apple Intelligence e Siri AI. O asistente pode utilizar información persoal procedente de mensaxes, correos electrónicos e fotografías para responder ás peticións, ademais de actuar sobre distintas aplicacións. Siri tamén está integrada en Spotlight e nos menús contextuais do sistema e pode analizar o contido que aparece na pantalla mediante Visual Intelligence.
Apple Intelligence incorpora igualmente novas funcións en Safari, Fotos e Atallos, mentres que macOS 27 introduce cambios na interface Liquid Glass, que agora permite axustar o nivel de transparencia desde Configuración, desde unha aparencia máis transparente ata outra completamente tintada.
O Mac mini con M6 parte dos 1.069 euros, mentres que o modelo con M5 Pro comeza en 2.019 euros. O Mac Studio parte do 3.029 euros con M5 Max e dos 6.649 euros con M5 Ultra. Estes prezos supoñen unha importante suba de prezo fronte á anterior xeración, xa que os Mac mini partían dun prezo de 719 euros e os Mac Studio tiñan prezos de partida de 2.529 e 5.049 euros respectivamente.

