
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xunto co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), promove un ano máis un ciclo de sesións formativas centradas no control parental.
Baixo o título Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias, o ciclo desenvolverase entre setembro e outubro co obxectivo de “facilitar ás familias recursos, coñecementos e pautas que lles permitan acompañar á rapazada nun uso responsable e axeitado da tecnoloxía”, segundo informaron dende as dúas entidades.
A programación inclúe charlas presenciais de dúas horas de duración, que terán lugar nas aulas CeMIT de catro concellos galegos.
O primeiro encontro será o vindeiro venres 25 de setembro na aula CeMIT de Ribeira e as actividades continuarán na Fonsagrada, Moaña e o Barco de Valdeorras. Adicionalmente, o 7 de outubro, tamén se celebrará unha xornada no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.
Contidos das xornadas
As sesións afondan nos riscos asociados a un uso inadecuado da tecnoloxía e nas pautas fundamentais para desenvolver uns hábitos dixitais saudables, como a definición de horarios e límites, a reserva de momentos de desconexión e a importancia da comunicación e do acompañamento.
Tamén se abordarán medidas de prevención e supervisión mediante distintas ferramentas e aplicacións de control parental, e presentaranse recursos e propostas creativas orientadas a favorecer un uso positivo e axeitado das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)
O prazo de inscrición está aberto e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT.

