
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, no II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde, celebrado na Coruña, o sólido ecosistema normativo, científico e tecnolóxico que sitúa Galicia á vangarda no emprego seguro da intelixencia artificial (IA) no ámbito sanitario.
O titular de Sanidade subliñou os esforzos da Xunta para aproveitar as oportunidades desta tecnoloxía garantindo un uso seguro, ético e responsable. Neste sentido, puxo como exemplo a Lei galega de intelixencia artificial, aprobada en 2025, que establece un marco para o desenvolvemento e utilización destas ferramentas baseado nos principios de transparencia, protección de datos e supervisión humana.
A Xunta tamén iniciou a tramitación da Lei de transformación dixital do sistema público de saúde, que previsiblemente verá a luz en 2027 e que abordará o emprego da IA nos procesos clínicos, así como a protección dos dereitos dos pacientes.
Gómez Caamaño lembrou que Galicia conta co Plan de Transformación e Saúde Dixital 2023-2026, dotado con 200 millóns de euros, para impulsar a modernización do sistema sanitario e a incorporación de novos recursos tecnolóxicos destinados a mellorar a atención á poboación.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acollerá, ademais, a futura fábrica europea de intelixencia artificial 1HealthAI, cun investimento de 82 millóns de euros. O proxecto permitirá reforzar as capacidades de investigación e innovación nos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental.
O Servizo Galego de Saúde xa superou, segundo explicou o conselleiro, o millón de imaxes médicas procesadas mediante IA nos servizos de urxencias e atención primaria.
A Consellería está a incorporar tamén novos algoritmos para apoiar aos profesionais na interpretación de probas diagnósticas, cunha capacidade prevista de análise próxima aos 1,8 millóns de imaxes anuais.
Ao mesmo tempo, estanse a desenvolver ferramentas para o cribado da retinopatía diabética, sistemas de apoio ao diagnóstico microbiolóxico e novos asistentes de intelixencia artificial xerativa destinados a facilitar o acceso á información clínica.
Na súa intervención, Gómez Caamaño insistiu en que o obxectivo destas ferramentas non é substituír o criterio clínico, senón achegar máis información, reducir tarefas administrativas e facilitar que os profesionais poidan dedicar máis tempo á atención sanitaria.

