
A WordCamp Galicia celebra a súa primeira edición na Coruña do 16 ao 18 de outubro e encara xa a recta final para adquirir as entradas a prezo reducido. O prazo para conseguir o pase por 40 euros remata o 1 de outubro, salvo que se esgote antes o lote dispoñible. A partir desa data e ata o propio inicio do evento, o prezo será de 50 euros.
A cita reunirá durante tres días a comunidade galega de WordPress no campus de Elviña, cun programa que combina relatorios, obradoiros, debates e demostracións arredor da creación e xestión de webs. As sesións abordarán cuestións como accesibilidade, comercio electrónico, redes sociais, software libre, tradución, bloques, plugins, mercadotecnia, deseño, ámbito laboral e intelixencia artificial.
A programación comezará o venres 16 de outubro con actividades paralelas gratuítas, entre elas un obradoiro de introdución a WordPress. O sábado concentrará a maior parte dos relatorios, debates e demostracións, mentres que o domingo estará dedicado ao Día da Comunidade, unha xornada orientada a coñecer e participar no desenvolvemento do propio ecosistema de WordPress.
Entre as propostas figura tamén un hackathon no que os participantes poderán crear webs para organizacións locais sen ánimo de lucro nunha carreira contrarreloxo de menos de catro horas.
A organización habilitou ademais unha ludoteca para facilitar a asistencia de familias con nenos. As inscricións poden realizarse a través da web da WordCamp Galicia.
A compra da entrada antes do 1 de outubro permite aforrar 10 euros e, ademais, garantir unha acreditación personalizada. A organización só poderá preparar estas acreditacións ata o 6 de outubro, debido aos prazos establecidos pola imprenta.

A WordCamp Galicia naceu a partir da comunidade creada arredor da histórica WordCamp Pontevedra, que celebrou a súa primeira edición como WordCamp Galicia nesa cidade en 2025. A edición de 2026 inicia así un percorrido por distintas cidades galegas, cunha comunidade que supera xa os 5.000 membros.
A organización mantén tamén o carácter social da cita, con espazos para compartir coñecementos e establecer contactos, ademais dunha programación gastronómica na que non faltarán propostas como polbo, churrasco e pizza.

