
Un dos produtos máis curiosos presentados durante o Meta Connect foi Muse Charm, un accesorio para quen non quere levar unhas lentes de Meta pero quere interactuar dun xeito áxil e orixinal co axente de IA persoal de Meta.
O trebello integra unha pantalla táctil OLED de preto de 2 polgadas (na que se amosa un personaxe personalizable que represente ao asistente de IA) e corre un sistema operativo novo deseñado para levar Muse á vida no seu propio hardware, deixando claro dende o primeiro momento que é un dispositivo experimental que, de ser ben acollido, sería o primeiro da súa clase.
Aínda que nun primeiro momento poderiamos pensar que esta especie de Tamagotchi é un accesorio para o smartphone, o trebello integrará conectividade Wi-Fi e 5G, polo que poderá funcionar de xeito independente, e dado que terá acceso a información persoal, para o seu desbloqueo precisará de identificación mediante impresión dixital.
O Meta Charm poderá levarse como un colgante, un chaveiro ou no peto, e aínda que polo momento son moitas as incógnitas sobre este dispositivo, Mark Zuckerberg asegurou que ten a intención de que se poña á venda de cara á campaña de Nadal deste ano.

