
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) está a desenvolver un proceso de transformación interna orientado a mellorar a produtividade, optimizar os procesos de traballo e ofrecer unha atención cada vez máis áxil e eficaz ás súas empresas asociadas.
Dentro desta aposta pola modernización, a asociación vén de completar a implantación dunha nova ferramenta de xestión que integra nunha única plataforma diferentes áreas que ata agora funcionaban de maneira independente, como a base de datos de empresas, facturación, xestión bancaria, comunicacións e correos electrónicos, eventos, enquisas e outros procesos administrativos.
A ABE explicou que a ferramenta xa está plenamente operativa e está comezando a aplicarse no día a día da asociación. O cambio, engadiu a asociación, “permite centralizar a información, conectar diferentes procesos, reducir tarefas repetitivas e automatizar xestións que anteriormente requirían o uso de varias ferramentas”.
“Non se trata simplemente de mudar un programa por outro, senón de cambiar a maneira de traballar. Queremos utilizar a tecnoloxía para ser máis eficientes, dedicar menos tempo ás tarefas administrativas e poder dedicar máis recursos ao que realmente importa: atender ás empresas e desenvolver novos proxectos e servizos”, explicou o xerente da ABE, Tomás Estévez.
Un dos primeiros ámbitos nos que xa se está aplicando é a organización de actividades. Segundo explicaron, a nova plataforma permite crear un evento, realizar a convocatoria, xestionar as inscricións, enviar confirmacións e recordatorios, elaborar as listas de asistentes e, cando sexa necesario, xerar e enviar as entradas.
Amais, permite xestionar actividades gratuítas ou de pago e realizar o cobro das inscricións.
De feito, o próximo Almorzo ABE, que se celebrará o 2 de outubro e estará dedicado á intelixencia artificial e aos chatbots, xa se está xestionando integramente a través desta nova ferramenta.
“Este sistema”, explicaron dende a dirección da patronal boirense, “facilitará tamén a organización de eventos de maior dimensión, como os Premios ABE, cuxa gala reúne xa máis de 200 persoas e require unha importante xestión de inscricións, entradas, asistentes e control de acceso”.
Outra das melloras xa incorporadas é a automatización das cotas dos asociados. Cando unha empresa se incorpora á ABE, a subscrición correspondente á súa cota pode quedar configurada desde o propio proceso de alta, simplificando a xestión e reducindo tarefas administrativas posteriores.

“Ter todos estes procesos nunha única ferramenta simplifica moito o traballo e permítenos ter a información organizada e dispoñible no mesmo lugar”, sinalou Estévez, engadindo que a transformación continuará nos vindeiros meses coa “incorporación de novas funcionalidades, entre elas un módulo de xestión da relación coas empresas asociadas que permitirá integrar información sobre a súa participación en actividades, comunicacións, enquisas e servizos”. Isto permitirá avanzar cara a unha atención máis personalizada e un mellor coñecemento das necesidades das empresas, apuntou Estévez.
A modernización responde tamén á propia evolución da ABE, que conta con máis de 220 empresas asociadas e desenvolve ao longo do ano un amplo calendario de campañas, actividades, eventos e servizos para o tecido empresarial de Boiro.
“Se queremos ofrecer cada vez máis e mellores servizos ás empresas, tamén temos que ser capaces de xestionar mellor a propia asociación. A transformación dixital é unha ferramenta para facer unha ABE máis áxil, máis organizada e con maior capacidade de resposta”, conclúe o xerente da asociación.
O obxectivo final é que esta mellora na xestión interna teña un impacto directo nas empresas asociadas, facilitando o seu día a día e permitindo á ABE dedicar máis tempo e recursos a ofrecerlles novos servizos e proxectos.

