
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, participou hoxe na Semana da Intelixencia Artificial de Asturias, que se está a celebrar en Oviedo, Xixón e Pola de Siero, organizada polo Clúster TIC desa Comunidade e pola consultora Girol. Fíxoo na mesa IA en acción, xunto con representantes dos gobernos de Cataluña e Murcia.
Rey presentou proxectos integrados no Programa Galego de IA e destacou o modelo de goberno da IA en Galicia, que, segundo lembrou, “garante a reserva de humanidade, a transparencia e o control dos sistemas que emprega a Administración”.
Dixo tamén que “estas solucións deben responder ás particularidades do territorio, á dispersión da poboación, á ruralidade, á lingua, á accesibilidade e a cohesión territorial”.

Os participantes na mesa tiveron a oportunidade de presentar experiencias concretas con solucións de IA, e Damián Rey falou sobre os sistemas que integra a plataforma para a loita contra os incendios de Galicia (XeoCode) para a detección e localización automática de lumes; e sobre a Plataforma Conversa de asistentes virtuais baseados en IA.
Rey salientou que “os sistemas AILUME e LUMEIA para a detección de lumes son un complemento da plataforma tecnolóxica XeoCode, a máis completa de España para a xestión integral os incendios forestais”. Así, referiuse á rede de vídeo vixilancia forestal, con preto de 250 cámaras en 111 localizacións. “As imaxes desta rede están controladas por persoas e, agora tamén, contan coa axuda dos sistemas de IA que facilitan e aportan fiabilidade á detección, localización e interpretación dos lumes”, sinalou.
Con respecto á plataforma Conversa, Damián Rey afirmou que a súa posta en marcha conta cun orzamento de case 2,5 millóns de euros, que permitirán poñer en marcha catro casos de uso de asistentes para a Administración. Entre eles destacou Conversa Xustiza, para que a cidadanía e os profesionais poidan recibir soporte, información e orientación, nunha linguaxe natural e doada de comprender, sobre os servizos e trámites dos que se dispón.

