
Este sábado 26 de setembro, ás 12:00, A Industriosa (centro de tecnoloxías participativas e maker de Vigo) acollerá a charla Vehículos submarinos: robótica para explorar os océanos.
Durante a sesión as persoas asistentes poderán coñecer o papel dos vehículos acuáticos na monitoraxe mariña e como estas tecnoloxías permiten recoller datos en contornas complexas ou de difícil acceso.
Ademais, contarase cunha demostración en directo dun BlueROV2 a través da cal poderanse ver os seus principais compoñentes de hardware, a arquitectura de software e os sistemas de comunicación e control embarcados.
Tamén se falará do desenvolvemento e das probas virtuais destes vehículos mediante ferramentas de simulación en ROS.
A charla está pensada para profesionais, estudantes e persoas interesadas na robótica, a electrónica, o software, a investigación mariña ou o desenvolvemento de tecnoloxía submarina.
A actividade celebrarase na Asociación Tecnolóxica A Industriosa, na rúa Gregorio Espino 38, entresollado 3, Vigo. A participación é gratuíta. Conta co patrocinio da Xunta de Galicia e da AMTEGA.

