
OfiPro Solucións, S.L., compañía coruñesa especializada en software de xestión empresarial baixo un modelo SaaS, vén de ser adquirida por SoftNext, a división de software do grupo familiar francés de investimento a longo prazo Dellen.
OfiPro desenvolve e comercializa o ERP OfiPro, unha solución que integra facturación, xestión comercial, contabilidade, punto de venda e inventario nunha única plataforma dirixida a pemes e despachos profesionais.
A compañía ten a súa sede na Coruña e clientes en todo o territorio nacional, e construíu a súa posición apostando pola automatización e a simplicidade de uso fronte a solucións máis complexas do mercado.
Segundo informaron dende SoftNext, con esta operación, OfiPro incorpórase á dita empresa tecnolóxica “preservando a súa identidade, a súa marca e o seu equipo, e beneficiándose do respaldo de xestión, financeiro e tecnolóxico do grupo”.
O plan de SoftNext contempla acompañar o crecemento de OfiPro tanto no seu mercado actual como en novas liñas de produto, en liña coa estratexia da división, que combina crecemento orgánico coa incorporación de novas compañías de software en distintos sectores.
José Luis Rocha, socio fundador de OfiPro, declarou: “Esta operación abre unha nova etapa para OfiPro, que se incorpora a un grupo coa visión e os recursos necesarios para acompañar o seu crecemento, mantendo o proxecto e o equipo que o fixeron realidade”.
Pola súa banda, Álvaro Gella, responsable de Dellen en España, sinalou: “OfiPro encaixa perfectamente coa nosa filosofía de medrar xunto aos equipos que construíron cada proxecto, respectando a súa identidade e a súa forma de traballar”.
A operación desenvolveuse integramente con asesores galegos. Working Capital Corporate Finance, firma galega membro da alianza Iber Corporate Finance, actuou como banco de investimento e asesor financeiro dos vendedores, acompañando o proceso desde a súa fase inicial ata o peche, mentres que Ontax, con oficinas en Vigo, A Coruña e Madrid, actuou como asesor legal da operación.

