
Estes días (hoxe e mañá) estase a celebrar na sede de Afundación en Vigo (Abanca) a cuarta edición do Congreso Espacial New Space España, organizado pola firma local de enxeñaría aeroespacial e novas ferramentas Alén Space, baixo o lema Autonomía estratéxica dende o Espazo.
O congreso está a xuntar máis de 280 asistentes, 130 empresas e uns 40 relatores durante o transcurso das dúas xornadas de traballo. Porase o foco en como fortalecer o potencial de España, España e Europea en materia aeroespacial.
Estanse a tocar temas como a soberanía tecnolóxica, a seguridade ou a colaboración público-privada. Interveñen (entre outras personalidades do sector) Cecilia Hernández, directora de programas da Axencia Espacial Española (AEE) ou Íñigo Mascaraque, responsable de Operacións de Celeste, da Axencia Espacial Europea.
A soberanía estratéxica e a autonomía tecnolóxica protagonizaron boa parte da primeira xornada, na que representantes de empresas, institucións e organismos públicos analizaron as capacidades coas que contan España e Europa para fortalecer a súa industria espacial, desenvolver tecnoloxías propias, atraer talento e competir nun mercado global. O desenvolvemento de novas infraestruturas e servizos espaciais e a colaboración entre o sector público e privado foron outros dos principais eixes do debate.
A apertura institucional contou coa participación de David Regades, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; e Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Os representantes institucionais coincidiron en “destacar a evolución experimentada polo sector espacial español e as oportunidades para reforzar a súa posición en Europa”.

David Regades puxo o foco no desenvolvemento de capacidades propias e no talento como un dos principais activos da industria.
Teresa Riesgo incidiu “no rápido avance do sector durante os últimos anos e na oportunidade de consolidar a España como un actor relevante a escala europea e internacional”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou o sector espacial como “un dos ámbitos chamados a desempeñar un papel relevante no futuro económico e tecnolóxico da cidade” e destacou “o alcance dun congreso que reúne tecnoloxía, economía, ciencia e investigación”.
Tamén interveu como dixemos o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, que acudiu acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo.
Rodríguez resaltou que o sector espacial en Galicia deu un salto cualitativo con empresas referentes no ámbito internacional. “Son compañías capaces de estar na primeira liña do mundo, integradas en grandes redes empresariales a escala mundial“, expresou Román Rodríguez ao tempo que salientou “o importante potencial de Galicia no ámbito espacial, eido fundamental para a I+G+i”.
Ao seu xuízo, o sector espacial xa forma parte da nova economía galega, “con máis de 1.700 empregos e unha alta capacidade para xerar emprego cualificado, investimento e novas oportunidades empresariais“.
Lembrou que a Xunta de Galicia brinda o seu apoio a empresas como Alen Space, con ampla experiencia “e exemplo de conexión entre universidade e empresa”. “É unha demostración de como un coñecemento desenvolvido durante anos no ámbito académico pode acabar convertido nunha compañía tecnolóxica punteira”, segundo o titular de Ciencia.
Rodríguez e Cotelo tamén salientaron o apoio directo á transferencia de coñecemento, coma no caso das firmas galegas Uarx Space e Kreios Space, que, segundo sinalaron, “representan esa conexión entre investigación, transferencia e innovación, proxectando a marca Galicia Calidade tamén no ámbito espacial”. E engadiron: “Trátase de startups galegas con proxección internacional que están conseguindo situar a tecnoloxía desenvolvida en Galicia en proxectos de referencia mundial”.
Pola súa banda, o director xeneral de Alén Space e organizador do evento, Guillermo Lamelas, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, cunha intervención centrada nos retos actuais da industria espacial e na necesidade de transformar o investimento e as capacidades existentes en Europa nunha maior competitividade. Lamelas puxo sobre a mesa as diferenzas na dimensión dos fondos públicos destinados ao sector espacial, con ao redor de 13.500 millóns de euros en Europa fronte aos 80.000 millóns de EEUU, e sinalou a necesidade de que a industria europea sexa quen de aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles. Así mesmo, incidiu no talento como un dos piares para seguir fortalecendo o sector: “Hai que apostar por programas de formación, en atraer talento, en facer carreira espacial”.
Comunicacións cuánticas

O conselleiro Román Rodríguez lembrou que no ámbito das comunicacións cuánticas “Galicia xa puxo en marcha a liña de comunicación cuántica máis longa de España, entre Santiago e Vigo, que agora se prolongará ata Valença e posteriormente ata Lisboa”. Ademais, dixo, “contamos coa estación óptica terrestre Antonia Ferrín, en Vigo, que permitirá ofrecer conexión satelital con misións europeas”.
Esta infraestrutura estará interconectada con outras estacións en Barcelona, Madrid e Lisboa e serán chave para a conexión co satélite Eagle-1, o primeiro sistema europeo de distribución de claves cuánticas baseado no espazo. O obxectivo é mellorar a seguridade das comunicacións en Europa mediante tecnoloxías cuánticas, abrindo novas posibilidades para a protección das comunicacións críticas.
Soberanía e autonomía para reforzar as capacidades europeas

A primeira mesa redonda da xornada, Soberanía e autonomía: a visión da industria, reuniu a representantes de Indra Space, Airbus, GMV, DHV Technology, Satlantis e o Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades, para abordar as capacidades que necesita Europa para incrementar a súa autonomía e reforzar a competitividade da súa industria.
O debate puxo o foco no desenvolvemento europeo de tecnoloxías esenciais e na conveniencia de avanzar cara a sistemas cada vez máis distribuídos. Neste contexto, os expertos destacaron a interoperabilidade como unha das vías que poden favorecer unha industria europea máis colaborativa, capaz de integrar as capacidades tecnolóxicas desenvolvidas por diferentes países e compañías.
Misión Celeste, cara a unha futura constelación europea
A mañá continuou coa conferencia Misión Celeste: cara a unha futura constelación europea LEO-PNT, impartida por Íñigo Mascaraque, responsable de Operacións e Segmento Terreo de Celeste na Axencia Espacial Europea (ESA).
Durante a súa intervención, Mascaraque abordou o crecente interese internacional por incorporar sistemas de satélites en órbita baixa ás infraestruturas de posicionamento, navegación e sincronización, unha liña na que xa traballan diferentes iniciativas en Europa e outros mercados internacionais.
Mascaraque presentou os avances conseguidos por Celeste durante a súa primeira fase de demostración e destacou os resultados obtidos na xeración de sinais e prestacións de navegación. A folla de roteiro do proxecto contempla unha primeira fase con 22 satélites Pathfinder A e unha posterior con oito satélites Pathfinder B. O programa continuará desenvolvendo novas demostracións durante os próximos anos co obxectivo de avanzar cara a un futuro sistema europeo de navegación baseado tamén en satélites de órbita baixa para complementar as capacidades existentes.

