
A Universidade de Santiago vai dar novos avances en materia intelixencia artificial e usos seguros e conscientes da mesma. Farao impulsando unha iniciativa que combina un regulamento de aplicación xeral cun plan de formación (Plan FIAR, Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable) para a comunidade universitaria. Este foi un dos puntos a tratar na xuntanza do Consello de Goberno, na que tamén se aprobou a creación da Cátedra de Memoria Democrática da Universidade de Santiago de Compostela co apoio do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.
No que respecta á IA, a proposta da USC sitúaa entre “as iniciativas máis completas e sistemáticas desenvolvidas polas universidades españolas”. O Consello salientou que “mentres que boa parte das institucións conta con guías, recomendacións, instrucións ou directrices centradas en ámbitos específicos, na USC propoñemos un marco normativo transversal acompañado dunha estratexia institucional de formación, implantación, seguimento e actualización”. Tanto o regulamento como o plan aprobaranse, logo de ser debatido onte, nunha vindeira xuntanza do Consello de Goberno.
Pola súa banda, os obxectivos da Cátedra serán desenvolver a cooperación entre a institución compostelá e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, proxectar actividades dentro e fóra dos campus universitarios para enlazar cun amplo conxunto de demandas sociais e políticas en torno ao recoñecemento da memoria democrática e favorecer a difusión e o avance do coñecemento histórico sobre uns temas e problemas que afectan a cultura cívica e histórica da sociedade española.

