
As familias numerosas galegas xa poden descargar gratuitamente desde a aplicación XuntaEu o certificado oficial do seu título, unha medida coa que a Xunta busca reducir a carga burocrática e axilizar os trámites administrativos.
Ata agora, estas familias dispoñían do título oficial en formato tarxeta e tamén da súa versión dixital a través de XuntaEu, aplicación dispoñible para Android e para iOS. A nova funcionalidade permite descargar ademais unha copia do título en formato papel directamente no teléfono móbil, coa mesma validez que o documento oficial.
A medida responde ás demandas das propias familias, que en determinadas ocasións necesitan presentar unha copia oficial do título para realizar trámites ante outras administracións ou entidades. Actualmente, máis de 32.700 familias galegas dispoñen do título oficial de familia numerosa.
O apoio ás familias numerosas inclúe beneficios fiscais e axudas económicas, así como medidas destinadas a reducir a carga burocrática asociada á xestión do título. A Xunta tamén ampliou a súa vixencia ata que o fillo maior cumpra os 26 anos, evitando así as renovacións anuais que debían realizar anteriormente as familias.

