
O Teatro Principal de Santiago acollerá o sábado 10 de outubro ás 19.00 horas unha nova edición do encontro LGx15. Ideas para o futuro da lingua. Participan nesta ocasión Inma Soto, Telmo Celeiro, Teresa Carro, Anita Mateu, Jon Amil e Rosa Moledo. O acto estará conducido en formato podcast polo Exército Mekemeke, o recoñecido podcast humorístico en galego e, tamén, canle de contido dixital autodefinida como “a parroquia máis grandes de Internet”. O evento contará coa actuación musical de Sofía Espiñeira.
Esta iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) busca compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua; e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, do Concello de Santiago de Compostela, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.
O LGx15 naceu no ano 2015 e desde entón leva espallando a través das redes un total de 68 charlas con ideas e propostas para o futuro da lingua.
O sábado 10 de outubro de 2026, ás 19.00 h, o Teatro Principal de Compostela acollerá seis novas intervencións para seguir compilando argumentos a favor da lingua.
Ideas para o futuro da lingua

Nesta décimo segunda edición están convidadas as seguintes persoas: a educadora ambiental e contadora de historias Inma Soto, que falará das vantaxes de xogar, cantar, bailar e falar en galego; Telmo Celeiro, coordinador do espazo deportivo Ártabros Crossfit, que convidará ao público a “ir ás alancadas coa lingua relacionando a defensa do idioma co deporte”; a docente de lingua portuguesa Teresa Carro, que reflexionará sobre as oportunidades recíprocas entre galego e portugués no ámbito educativo; a creadora de contido dixital e divulgadora cubana Anita Mateu, que relatará a súa experiencia de integración a través da aprendizaxe da lingua; Jon Amil, integrante do espazo web Recuncho Gamer, que analizará a situación dos videoxogos en galego; e Rosa Moledo, especialista en tradución audiovisual, situará no presente do idioma os retos para a súa boa saúde no futuro.
A edición deste ano será conducida en formato podcast por Carlos Vieito, Lidia Veiga e Xabier Dios, é dicir, o Exército Mekemeke, e contará coa música de Sofía Espiñeira.
Entradas e información na web
As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles. Desde o 28 de setembro están á venda en liña na billeteira electrónica de Eventbrite.
Na web do proxecto, que inclúe un buscador para localizar de forma sinxela os vídeos dispoñibles, pódense consultar os 68 vídeos das intervencións das once edicións anteriores, alén de vídeos das actuacións musicais.
O LGx15 grávase e difúndese en vídeos breves a través da rede, pois o principal obxectivo deste proxecto é “que as ideas, propostas e as experiencias cheguen ao maior número de persoas posible”, informan dende a organización, engadindo que tamén se pode acceder ao material audiovisual a través da canle de YouTube da CTNL.
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

