
O Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago acaba de publicar o primeiro episodio do seu podcast TransferICE, unha iniciativa para visibilizar, achegar e aproximar á sociedade a investigación e a innovación educativa que se desenvolve no centro universitario.
A nova canle de divulgación científica emprega o formato podcast como espazo de conversa con investigadores e investigadoras arredor dos seus proxectos, resultados e liñas de traballo. O obxectivo é “achegar o coñecemento científico a públicos diversos e contribuír a fortalecer a relación entre a comunidade científica e a sociedade”, informaron dende o instituto.
O primeiro capítulo de TransferICE trata o tema da educación histórica, a interseccionalidade crítica e a cultura democrática, e nel participan a profesora da USC Belén Castro e os profesores das Universidades de Almería e Murcia, Álvaro Chaparro e Cosme Gómez, respectivamente.
O proxecto púxose en marcha coa I Convocatoria de Proxectos de Transferencia e Divulgación: TransferICE Podcast 2025-26, publicada en marzo de 2026. A convocatoria estaba dirixida aos membros do ICE e permitía presentar propostas individuais ou grupais relacionadas coa investigación educativa e cos retos da Axenda Científica do Instituto. Nesta primeira convocatoria presentáronse 9 propostas, que darán lugar á publicación de 9 episodios, cunha periodicidade quincenal.
Con esta iniciativa, o ICE pretende” converter a divulgación e a transferencia nunha vía para visibilizar o coñecemento que se xera no propio Instituto, facilitando o diálogo entre investigación e sociedade e mostrando non só os resultados científicos, senón tamén a súa relevancia e aplicación no ámbito educativo”.
A coordinación e o equipo técnico do proxecto está a cargo de Martín Leránoz Iglesias e Mario Diz Otero, membros do ICE e persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

