
Radio Enxebre, a emisora do Centro Betanzos en Arxentina, converterase nunha moderna plataforma de streaming e podcast para difundir a cultura galega e conectar as novas xeracións da diáspora coa súa terra de orixe. A histórica canle de comunicación, decana da diáspora galega en Arxentina, dará o salto ao dixital co apoio da Deputación da Coruña.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou este sábado 26 de setembro con Beatriz Lagoa, presidenta do Centro Betanzos de Bos Aires, o centro decano da emigración galega en Arxentina (e un dos máis antigos do mundo, fundado en 1905), un convenio para dar un salto tecnolóxico a Radio Enxebre e convertela nunha nova xanela de comunicación permanente entre Galicia e a diáspora galega en Arxentina.
A Deputación inviste 12.623,38 euros para axudar a transformar a emisora do histórico Centro Betanzos nun estudio multimedia profesional, preparado para producir radio, podcast, vídeo e emisións en streaming con alcance internacional.
“Durante décadas, a radio permitiu que milleiros de galegos e galegas que vivían a miles de quilómetros mantivesen un fío coa súa terra. Agora queremos aproveitar as novas tecnoloxías para que esa conexión sexa máis directa, máis visual e, sobre todo, chegue tamén ás novas xeracións”, destacou Formoso durante a sinatura, engadindo que o proxecto contempla unha renovación integral dos medios técnicos de Radio Enxebre, coa instalación dun sistema audiovisual profesional completo, con cámaras 4K, novos equipos informáticos, iluminación e son de estudio, sistemas de gravación dixital e nova infraestrutura técnica.
Engadiu que o proceso de transformación “permitirá retransmitir en directo eventos culturais entre Galicia e Bos Aires, realizar entrevistas e producir contidos audiovisuais de calidade que poderán difundirse a ambas beiras do Atlántico”.
Formoso destacou a maiores que “o proxecto olla tamén cara ao pasado para preservalo”. De feito, un dos seus obxectivos será crear un arquivo audiovisual dixital da memoria galega en Arxentina, recollendo historias e testemuños que permitan conservar o legado da emigración e transmitilo aos seus fillos e fillas, netas e bisnetas.
O convenio foi asinado cunha das entidades históricas da emigración galega en Arxentina e no mundo. O Centro Betanzos de Bos Aires foi fundado en 1905 e leva 121 anos mantendo a conexión coa súa terra de orixe a través da cultura, das tradicións e da memoria.
Celebracións como San Roque ou Os Caneiros atravesaron o Atlántico da man das sucesivas xeracións da colectividade betanceira, mentres Radio Enxebre se consolidou como unha das ferramentas para manter ese vínculo, cunha programación que conta con música galega, información de Galicia, actualidade da colectividade, entrevistas e contidos sobre a historia da emigración.

Durante a súa visita ao Centro Betanzos, Valentín González Formoso asistiu tamén á representación da obra de teatro Las dos en punto, inspirada na vida real das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, coñecidas popularmente como As Marías, dúas figuras emblemáticas da memoria social de Santiago de Compostela que contan cun monumento na Alameda da cidade.
Ao acto asistiron representantes da maioría dos centros da diáspora vinculados á provincia da Coruña en Bos Aires e a súa contorna: Betanzos, Corcubión, Outes, Arzúa e Melide, Ordes, O Porto do Son, Oleiros e Fisterra, entre outros.
Ao remate da representación, Formoso mantivo un encontro cos presidentes destas entidades, cos que conversou sobre a situación actual dos centros, a súa actividade e os retos que afrontan para manter vivo o vínculo con Galicia e incorporar ás novas xeracións de descendentes da emigración.

