
Boox pon á venda Picco, un lector de tinta electrónica de 3,97 polgadas e 58 gramos que inaugura a serie Boox Tiles, coa que a marca explora novos formatos para os dispositivos eInk. O trebello xa está dispoñible para a súa compra por 109,99 euros.

O seu tamaño, similar ao dunha tarxeta de crédito, está pensado para levalo sempre enriba. Boox ofrece ademais unha funda magnética que permite fixalo á parte traseira dun smartphone e transportalos xuntos.
A pantalla monocromática ofrece unha resolución de 235 ppp e conta con luz frontal regulable tanto en brillo como en temperatura de cor. Un botón físico permite alternar entre a iluminación diúrna e nocturna. A lectura pódese controlar mediante a pantalla táctil ou os botóns físicos para pasar páxina, mentres que un sensor permite xirar a pantalla en catro direccións.

O software foi optimizado especificamente para o reducido formato da pantalla e permite modificar tipografías, tamaños, marxes e interliñados. Picco tamén admite a instalación de aplicacións como Pomodoro, Todo ou Countdown, polo que pode empregarse para outras tarefas ademais da lectura.
O dispositivo incorpora 16 GB de almacenamento mediante unha tarxeta microSD, con capacidade de ampliación ata 2 TB. Os contidos poden transferirse desde a aplicación BOOX Tiles, mediante o navegador web ou a través do porto USB-C. Tamén permite utilizar fotografías, obras de arte ou citas como salvapantallas.

