
As persoas emprendedoras, autónomas e empresas poderán dispoñer ata final de ano dun espazo profesional de traballo sen ningún custo en Santiago de Compostela grazas á iniciativa posta en marcha pola Cámara de Comercio de Santiago a través do Coworking Digital Compostela.
O espazo abre as súas instalacións a pemes, microempresas e persoas emprendedoras “que se atopen en procesos de transformación dixital, así como a profesionais que precisen un lugar axeitado e equipado para desenvolver a súa actividade, traballar fóra da casa, impulsar un proxecto empresarial ou establecer novas conexións profesionais”, segundo informou a entidade cameral, engadindo que alén de ofrecer un posto de traballo, o Coworking Digital Compostela configúrase como “un centro de incubación e aceleración empresarial especializado en dixitalización, competitividade e internacionalización, poñendo á disposición das persoas usuarias recursos e servizos destinados a facilitar a evolución e o crecemento dos seus proxectos”.
O Coworking Digital Compostela conta con 11 postos de traballo equipados con mesa, cadeira, armario e conexión a Internet mediante fibra óptica e Wi-Fi. O espazo dispón ademais de salas de reunións, sala de presentacións, zonas de traballo en rede e áreas comúns.
“Estes recursos”, informa a Cámara de Santiago, “permiten que o Coworking sexa non só un lugar desde o que traballar, senón tamén un contorno desde o que empresas e persoas emprendedoras poidan aumentar a súa competitividade e desenvolver novas oportunidades de negocio”.
Incubación, aceleración e conexión empresarial
A Cámara engade que o Coworking Digital Compostela ofrece un espazo “concibido para acompañar empresas e proxectos emprendedores durante os seus procesos de transformación e crecemento”. As persoas usuarias poden compartir espazo con outros profesionais e empresas, favorecendo o intercambio de coñecementos, a colaboración e a creación de novas oportunidades de negocio”. O espazo facilita ademais a participación en actividades de formación e networking e o acceso a servizos de apoio e asesoramento empresarial da Cámara de Comercio de Santiago.
Este acompañamento permite abordar diferentes ámbitos relacionados coa actividade empresarial, desde a creación e consolidación de empresas ata a dixitalización, a innovación, a mellora da competitividade e a internacionalización, sinala a entidade cameral.
O Coworking Digital Compostela forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativos da Deputación da Coruña, unha iniciativa que conecta diferentes espazos de traballo colaborativo e innovador, viveiros e centros de negocios da provincia co obxectivo de favorecer o emprendemento, a colaboración empresarial e o desenvolvemento de novos proxectos.
A iniciativa da Cámara de Comercio de Santiago enmárcase no programa PEL-RED Coworking 2026 da Deputación da Coruña e conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago a través do programa Feito en Santiago
A pertenza a esta Rede amplía ademais as posibilidades que ofrece o Coworking Digital Compostela. As persoas usuarias poderán traballar e manter reunións noutros espazos da Rede, grazas á Coworking VISA, que permite acceder aos 12 espazos de traballo colaborativo distribuídos por toda a provincia da Coruña.
Así mesmo, quen utilice estes espazos poderá beneficiarse de publicidade gratuíta dos seus proxectos empresariais a través da páxina web da Rede, contribuíndo así a dar maior visibilidade ás súas iniciativas e a xerar novas oportunidades de colaboración e negocio.

