
A Xunta publicou por un importe de 507.386,88 euros a licitación dos servizos de desenvolvemento dun sistema de xestión “dinámico e automatizado” da demanda da actividade na atención primaria, puntos de atención continuada e atención hospitalaria. A contratación, encadrada cos obxectivos do programa Transformación Dixital da Sanidade Galega (Programa Galicia FEDER 2021-2027), permitirá garantir a continuidade operativa dunha plataforma estratéxica para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), así como a súa adaptación a novas necesidades funcionais, organizativas e tecnolóxicas.
Segundo a Consellería de Sanidade, “a actuación contribuirá a consolidar un modelo integrado de xestión asistencial que facilite a coordinación entre atención primaria e atención hospitalaria, a xestión eficiente de citas e recursos e a rastrexabilidade de pacientes ao longo dos diferentes procesos asistenciais”.
A actuación contribuirá tamén “á mellora da eficiencia e sostibilidade do sistema sanitario, mediante a optimización dos procesos de xestión da actividade asistencial e a explotación de información estruturada sobre pacientes, profesionais, recursos e actividade clínica”.
Dende Sanidade engaden que “a dispoñibilidade de ferramentas avanzadas de xestión e rastrexabilidade permitirá mellorar a planificación e seguimento da actividade, identificar oportunidades de mellora organizativa e facilitar a toma de decisións baseada en información fiable e actualizada”.
Reforzo da atención primaria
A presente contratación está aliñada coa reforma integral da atención primaria que impulsa a Xunta, orientada a acadar un modelo asistencial sen barreiras e “centrado nas necesidades da poboación”. Buscase con este proxecto avanzar na evolución dos sistemas de xestión de axendas, citación e planificación da actividade, facilitando unha xestión intelixente da demanda, a coordinación entre os distintos perfís profesionais e a incorporación de novas modalidades asistenciais, así como o seguimento da capacidade, a accesibilidade e a calidade do servizo.
Máis polo miúdo, abordarase o desenvolvemento de novas capacidades de automatización de procesos asistenciais que permitan transformar ordes asistenciais, protocolos clínicos, guías de práctica clínica, programas de saúde e plans de coidados personalizados na actividade asistencial planificada.
“Estas funcionalidades”, engadiu a Consellería, “posibilitarán a xeración automática de citas, actuacións e seguimentos, así como a xestión proactiva da demanda asistencia; e deste xeito reduciranse as cargas administrativas, mellorarase a experiencia de pacientes e profesionais, favorecerase a continuidade asistencial e facilitarase a coordinación entre os diferentes perfís profesionais”.
Así mesmo, o novo sistema integrará, consolidará e evolucionará as funcións existentes, entre as que se atopan a xestión de Puntos de Atención Continuada, a xestión de pacientes crónicos, as interconsultas con atención especializada ou a xestión de dietarios e distribución de axendas e citas, entre outros.

