
Cruz Vermella en Galicia celebrou onte a xornada técnica Tecnoloxía inclusiva contra a soidade, na que participaron máis de 70 expertos e profesionais de distintas disciplinas para reflexionar sobre unha cuestión clave: pode a tecnoloxía colaborar no fortalecemento dos vínculos humanos? A Cidade das TIC acolleu este foro de reflexión e encontro que virou ao redor de dúas grandes temáticas: a soidade non desexada e o papel de solucións tecnolóxicas innovadoras para paliala.
A xornada encadrouse no traballo da Cruz Vermella despregado en Galicia a prol da alfabetización dixital das persoas, unha estratexia que inclúe diferentes liñas de actividade proxectos diversos enfocados a acompañar ás persoas que están máis illadas.
O obxectivo desta xornada organizada por Cruz Vermella en Galicia foi poñer enriba da mesa diferentes enfoques, reflexionar sobre eles, abrir o diálogo e sacar conclusións. Para abordar o problema da soidade non desexada, avanzar e expor solucións útiles é importante a implicación de toda a sociedade, por iso participaron representantes do ámbito empresarial e tecnolóxico, do académico, da administración e de entidades do terceiro sector.
A inauguración estivo presidida por Mercedes Casanova, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, e por Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria. Durante a mañá tiveron lugar na Cidade das TIC (A Coruña) dúas conversas abertas que trataron sobre tecnoloxía ao servizo do vínculo comunitario e, por outra banda, sobre solucións intelixentes para retos humanos. Nestes espazos de diálogo participaron representantes de Casual Robots, NTT Data, Alexa, Carelife Solutions de Televés, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago, que estiveron moderados por Satur Torre, directora da Fundación Cruz Roja Española.
O programa incluíu un café experiencial no que se realizaron demostracións con robots humanoides e robots sociais cos que as persoas asistentes á xornada tamén interactuaron. Deste xeito, puideron coñecer de primeira man como estas solucións tecnolóxicas están a empezar a aplicarse en ámbitos como o acompañamento, os coidados, a promoción do benestar ou a prevención de situacións de soidade.
Por outra banda, compartíronse experiencias de innovación social como a de Voces en Rede, unha iniciativa de Cruz Vermella en colaboración coa Fundación Amancio Ortega. Este proxecto axunta a tecnoloxía co apoio do voluntariado e facilita a conectividade das persoas maiores mediante a introdución de asistentes de voz nos seus fogares e unha rede de acompañamento presencial.

