
O Consello da Cultura Galega celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto web Seara (Descubre a cultura galega a través dos seus textos). Segundo informou o CCG, esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño. Conta tamén cunha remodelación do seu deseño que facilita o acceso aos contidos e posibilita a lectura comparada.
Como dixemos, esta nova entrega inclúe relatos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño, traducidos ao inglés por Kathleen March, Jonathan Dunne e Jakob Rogers.
Algúns dos textos pódense escoitar nas voces de Luis Iglesia e Nora Abad.
A escolma conta con María Mariño Carou (1907-1967), homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2007. Desta autora preséntanse textos das obras Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990).
Entra tamén nesta entrega o prolífico Manuel Lourenzo (1943-2025), que deixou arredor de 150 obras de teatro. A tradución que se presenta é a súa Medea dos fuxidos.
Anxo Angueira (1961), ademais de ser coñecido pola súa narrativa (Pensa nao, en inglés Listing Ship) e polo seu traballo como presidente da Fundación Rosalía de Castro, é tamén crítico literario e poeta. Nesta ocasión preséntanse poemas do libro Palmeiras, piueiros, obra que retrata con insistencia o ambiente de loita e solidariedade dunha historia inesquecible.
Pecha esta edición María Xosé Queizán (1939), matriarca do feminismo galego, que figura co ensaio fundacional Recuperemos as mans, traducido a dúas voces.
En marcha de 2023 tal día coma hoxe
No Día Internacional da Tradución de 2023, a presidenta, Rosario Álvarez, e a coordinadora deste proxecto, Kathleen March, presentaron publicamente este proxecto web que xunta textos literarios coas súas correspondentes traducións inglesas. Un proxecto colaborativo que tomaba o seu nome da paisaxe tradicional galega, xa que a seara, ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, eran traballadas comunitariamente por diferentes familias que participaban con cadansúa leira.
Daniel A. Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Eduardo Pondal, Claudio Rodríguez Fer, Emma Pedreira e Luísa Villalta son os autores cos que comezou este proxecto ao que en 2024 se sumaron tres novas figuras como Chus Pato, Otero Pedrayo e Rafael Dieste. En 2025 actualizouse con relatos de Ánxel Fole, Marica Campo, Xela Arias e unha escolma de cantigas traducidos ao inglés por Kathleen March, Jonathan Dunne e Harriet Cook.
Kathleen Nora March e Dolores Vilavedra son as coordinadoras deste proxecto para o que se constituíu en 2022 unha comisión técnicas temporal formada por Neil Anderson, Óscar Cardoner Sebio, Jonathan Dunne, Ana Luna, Erin Moure, Keith Payne, Jacob Rogers e Rocío Viéitez Ferro. Todos eles profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da tradución que validan os nomes e os contidos que se incorporan.

