
O Concello de Ribeira colabora na iniciativa dos coloquios que Pedro García Aguado impartirá á comunidade educativa no martes, 6 de outubro, e que versarán sobre a prevención de adiccións dixitais.
A primeira das charlas irá destinada a alumnado de 3° e 4° da ESO de tódolos centros educativos do municipio, de 10.15 a 11.30 horas, no novo Auditorio Municipal; mentres que a segunda está orientada a pais, nais, profesorado e todo o público en xeral, en horario de 17.30 a 19.00 horas. Para a sesión da tarde só se require inscrición en liña.
Pedro García Aguado é un reputado educador parental, conferenciante e experto na prevención e intervención de adiccións ás novas tecnoloxías e redes sociais. É ex-campión olímpico de waterpolo e ex-presentador do programa de televisión Hermano Mayor. Redirixiu a súa traxectoria profesional cara á axuda de familias no ámbito do comportamento xuvenil. O seu traballo focalízase en abordar o impacto e os riscos que o uso non supervisado das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) causan nos menores de idade.

