
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no encontro Celebra diversidade lingüística en Europa con Google, organizado polo xigante tecnolóxico con motivo do Día Europeo das Linguas. Unha cita a raíz da que destacou “o papel fundamental que teñen as tecnoloxías e o eido dixital no uso e prestixio de todos os idiomas, tamén do galego”.
Garcia debullou na súa intervención os obxectivos e liñas de traballo do novo Plan xeral de normalización da lingua galega, que será aprobado a vindeira semana no Parlamento tras o pacto acadado pola maioría das formacións políticas e que, tal e como lembrou, “fai especial fincapé en impulsar a presenza da lingua nas plataformas e ferramentas dixitais, sobre todo naquelas máis utilizadas hoxe en día polas xeracións máis novas para comunicarse e buscar información”.
Así, Valentín García destacou que entre as medidas “para prestixiar a lingua e o seu uso social prestamos especial atención ás novas formas de interacción entre a mocidade, que están a substituír a tradicional transmisión xeracional no núcleo familiar”.
O secretario xeral fixo referencia a unha das grandes iniciativas que se están a desenvolver en Galicia neste eido e que se puxo de exemplo de boas prácticas nesta xornada europea, como é o Proxecto Nós de intelixencia artificial, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais cun claro obxectivo, indicou, “de seguir ampliando os principais eixos de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala”.
Segundo explicou o secretario xeral da Lingua, ao abeiro deste proxecto ofrécense recursos de libre acceso por terceiros, “o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que contribúen a que o galego sexa unha lingua habitual neste eido”.
A xornada celebrouse con motivo do Día Europeo das Linguas, que se conmemorou o pasado día 26, e que pon o foco “na diversidade lingüística como un dos valores culturais, sociais e institucionais clave de Europa”. Na efeméride destácase a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

