
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, acompañada polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, participou hoxe na clausura da xornada CompetencIA, impulsada pola Xunta na sede da entidade. Trátase da primeira das accións que se desenvolverán nas catro provincias galegas co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos participantes mediante o coñecemento práctico de ferramentas de intelixencia artificial aplicadas ao ámbito laboral.
A iniciativa continuará o 8 de outubro nas instalacións da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), de 12:00 a 14:00 horas, e o 30 de outubro na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en Santiago de Compostela, de 10:00 a 12:00 horas. A última xornada terá lugar o 6 de novembro na sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), en Vigo, tamén de 10:00 a 12:00 horas.
Pérez Iglesias animou á inscrición e destacou o interese por achegar usos sinxelos, accesibles e prácticos da IA ao posto de traballo, con aplicacións reais en tarefas administrativas, comunicación, organización, análise de información, atención a usuarios, formación e xestión de proxectos.
As xornadas están dirixidas tanto a persoas desempregadas como a aquelas que necesiten actualizar ou ampliar as súas competencias profesionais. O programa aborda o desenvolvemento de capacidades dixitais relacionadas coa busca de emprego, a produtividade e a adaptación profesional, ademais de facilitar espazos de contacto con entidades sociais, empresas, centros formativos e outros axentes vinculados ao emprego.
Os participantes coñecerán exemplos prácticos de redacción e mellora de currículos, preparación de entrevistas de traballo, elaboración de cartas de presentación, organización de tarefas e planificación semanal. Tamén se abordará a creación de contidos profesionais, o resumo de documentos e a mellora de correos electrónicos e comunicacións laborais, xunto co uso responsable e seguro das ferramentas de intelixencia artificial.

