
Investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participan na creación dunha colección europea de recursos educativos abertos promovida no marco de EuniWell (European University for Well-Being). O material desenvolvido desde a USC ofrece ferramentas para “analizar criticamente a información científica que circula nos medios dixitais e nas redes sociais, identificar procesos de desinformación e valorar a credibilidade das fontes”, segundo informou a Universidade de Santiago.
Estamos a falar da colección europea OERs on Social Media Literacy for Use in Schools and Teacher Training’, unha iniciativa formada por catro Recursos Educativos Abertos (REA) interactivos orientados ao desenvolvemento da alfabetización mediática en contextos escolares e na formación do profesorado. Os materiais foron elaborados por persoal investigador de diferentes universidades pertencentes a EUniWell e ofrecen propostas de autoaprendizaxe independentes e flexibles para promover unha aproximación crítica, creativa e consciente aos medios dixitais e ás redes sociais.
A contribución da USC concrétase no recurso Alfabetización mediática e dixital para o manexo da información científica (Media and Digital Literacy for Managing Scientific Information), desenvolvido por Denébola Álvarez-Seoane, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e do Grupo de Investigación Stellae, e Lucía Casas-Quiroga e Blanca Puig, do Departamento de Didácticas Aplicadas, do Grupo de Investigación RODA e do ICE, todas elas da Facultade de Ciencias da Educación.
Segundo explicou o equipo de investigadoras, o recurso “busca fortalecer a alfabetización mediática, dixital e científica proporcionando ferramentas que permitan analizar criticamente a información que chega á cidadanía a través de medios dixitais e redes sociais”. Entre os seus obxectivos atópanse “comprender como se produce e difunde a desinformación, recoñecer as súas distintas formas, avaliar a credibilidade das fontes e favorecer a toma de decisións informadas e baseadas en evidencias”.
O REA estrutúrase en tres módulos. O primeiro introduce os mecanismos que favorecen a aparición e difusión da desinformación, abordando cuestións como a viralización de contidos nas redes sociais, as distintas formas que pode adoptar a desinformación ou o contexto da posverdade. O segundo emprega información relacionada coa gripe como fío condutor para poñer en práctica estratexias de análise e avaliación crítica de contidos de carácter científico. Finalmente, o terceiro módulo propón unha ferramenta que pode transferirse ao exame de información científica procedente doutros ámbitos. O itinerario complétase cunha actividade de avaliación das aprendizaxes.
A proposta está especialmente pensada para o alumnado de educación secundaria, o profesorado en formación inicial e o profesorado en exercicio, que pode empregala ou adaptala á práctica educativa. “Porén, ao non requirir coñecementos previos específicos, tamén pode ser utilizada por calquera persoa interesada en mellorar a súa capacidade para interpretar información científica e facer fronte á desinformación”, explicaron.

