
A Asociación Axuntar, entidade dedicada á normalización do galego de Asturias, celebrará o vindeiro 10 de outubro a entrega dos IV Premios Folgueira, uns galardóns cos que cada ano recoñece o traballo de persoas e institucións a prol da dignificación, difusión e defensa do galego de Asturias. Manuel González, presidente de PuntoGal, participará no acto de entrega dos galardóns.
A presente edición distinguirá ao investigador e divulgador do patrimonio cultural Pablo Quintana López, responsable da Editorial Canela, e ao catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Fernández Rei, pola súa contribución ao estudo, promoción e normalización da lingua galega en Asturias.
O acto terá lugar ás 16:30 horas na Biblioteca de Vilanova de Ozcos, terra natal de Pablo Quintana, e contará coa participación de Manuel González González, presidente de PuntoGal, que intervirá nunha celebración que pon en valor a lingua e o patrimonio cultural do territorio galegofalante de Asturias.
PuntoGal, entidade xestora do dominio .gal, patrocina esta cuarta edición dos Premios Folgueira, como parte do seu compromiso coa lingua, a cultura e a comunidade galegofalante con independencia das fronteiras administrativas de Galicia.
Xunto a Manuel González, no acto intervirán tamén Xabier Barcia López, profesor da Universidade de Oviedo e especialista nos traballos de Dámaso Alonso sobre os Ozcos, e Natalia Jardón Pérez, presidenta de Axuntar.
Os Premios Folgueira celebráronse por primeira vez en 2023. Na súa primeira edición recoñeceron ao artista e músico Rodrigo Cuevas e ao informático Juan Carlos Riopedre Villa, distinguido co Folgueira Dixital. Nesa mesma edición, Benigno Fernández Braña, primeiro presidente da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA), foi nomeado Socio de Honra. En 2024, o Premio Folgueira recaeu no investigador e académico Carlos Xesús Varela Aenlle, mentres que o doutor Xoán Babarro González recibiu o Folgueira de Honor. En 2025, o galardón foi para o xornalista Xabier Fortes López e o Folgueira de Honor para o profesor Antonio José Meilán García.
A cuarta edición dos Premios Folgueira conta co patrocinio de PuntoGal, entidade xestora do dominio de Internet para a comunidade galegofalante.

