
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o experto en turismo e creador de contido, Guido Álvarez Parga, Guido Guía, presentaron hoxe unha campaña audiovisual que achegará ás redes sociais o programa da institución provincial Coñece a túa provincia. Esta iniciativa, amosará por unha banda os principais atractivos turísticos dos 67 concellos, e pola outra dará a coñecer esta programación gratuíta da institución provincial que xa vai pola sexta edición.
Segundo explicou a presidenta, a campaña inclúe unha serie de vídeos nos que o espectador poderá coñecer os recursos paisaxísticos, patrimoniais, culturais e gastronómicos da provincia, ademais de achegar aspectos menos coñecidos do territorio: “Desde a Mariña ata a Montaña, desde a Ribeira Sacra ata a Terra Cha, serán protagonistas dos audiovisuais mosteiros, castelos, castros, museos, adegas ou percorridos por praias, canóns e bosques; e tamén experiencias como rutas en catamarán polo Sil e o Miño, visitas a obradoiros artesáns ou demostracións de oficios tradicionais”, sinalou, engadindo que os contidos poderán verse tanto nas redes sociais da Deputación como nos perfís de Guido Guía e permitirán desfrutar da experiencia como fan as persoas usuarias deste programa de viaxes.
O traballo que desenvolve Guido Guía tamén inclúe entrevistas en formato curto a persoas moi relacionadas con estas rutas, como Boris Vilar, guía en Viveiro, e un dos que máis rutas realizou deste programa; Anxo Moure, gran coñecedor da Ribeira Sacra; ou a bibliotecaria de Antas de Ulla, Teresa Batán. Guido salientou “a primeira das entrevistas que realizamos, que foi ao meu profesor de matemáticas da ESO, e xa xubilado é un gran coñecedor da zona do Vicedo na que é asiduo todos os veráns”.
Guía oficial de Turismo de Galicia, Guido Álvarez Parga defínese como turismólogo e divulgador. O seu proxecto conta cunha comunidade de máis de 50.000 usuarios en Facebook e 19.000 en Instagram, ademais da súa presenza noutras plataformas dixitais. “Unhas cifras que o converten nunha canle con capacidade para dar visibilidade ao patrimonio, á paisaxe e aos recursos turísticos da provincia, chegando a novos públicos”, sinalou Carmela López, engadindo que “precisamente para dar a coñecer ese traballo quixemos contar con Guido Guía, que ademais, xa tivo a oportunidade de acompañar a algún dos grupos como guía oficial e agora ten a oportunidade de trasladalo a través das redes sociais. Cremos que esta campaña é unha boa maneira de levar toda a nosa provincia e ofrecer esa toda esa variedade no entorno dixital”.
Pola súa banda, Guido Guía valorou a importancia desta campaña “porque vai ser unha maneira de viaxar a través das redes por todo o territorio de Lugo, e espero que as asociacións e os veciños da provincia, así como doutros lugares, se animen a facer estas rutas. Creo que vai ser algo moi viral, que se vai espallar non só pola provincia senón fóra das nosas fronteiras”.

