
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na segunda e última xornada dos Ecommerce Days 2026, onde destacaron o apoio da Xunta a esta cita como punto de encontro de profesionais e negocios de referencia no comercio e márketing dixital. As representantes autonómicas tamén salientaron a importancia de adaptar os negocios ás novas esixencias da clientela e dos mercados.
A directora xeral moderou a mesa redonda Crear unha marca que dure décadas, centrada na creación, evolución e consolidación de empresas galegas, mentres que a secretaria xeral participou posteriormente na entrega dos II Premios do Ecommerce Galego.
O evento, organizado en Pontevedra por Marketing4eCommerce e o Clúster do Ecommerce Galego, serviu tamén para poñer en valor o programa autonómico Xerme. A iniciativa celebra este ano a súa terceira edición da man do Clúster e ten como obxectivo apoiar tanto novos proxectos como negocios xa existentes que aposten pola comercialización dixital.
O programa conta con dous niveis de formación (iniciación e avanzado) e atópase actualmente na terceira fase, centrada na preparación dos participantes en técnicas de comunicación e presentación. O itinerario rematará cun DemoDay, no que cada proxecto poderá presentar a súa iniciativa ante investidores, clientela e outros axentes do ecosistema emprendedor.
Entre os negocios participantes figuran tamén iniciativas vinculadas ao comercio de proximidade, un sector que tivo presenza nos Ecommerce Days 2026 a través de sesións como Tendas do país, na que se presentaron casos de éxito de comercio electrónico neste ámbito.

