
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou esta mañá en Santiago que a Xunta ultima a segunda edición do Programa Executivo en Industria da Defensa, que ampliará a súa oferta formativa con dous novos programas executivos centrados na ciberseguridade e nas tecnoloxías duais.
A nova convocatoria ofrecerá un total de 75 prazas e, segundo Ardao, «volverá a situar a Galicia á cabeza das comunidades que ofrecen formación de alta especialización nos ámbitos da seguridade e da defensa».
Ardao clausurou na Escola Galega de Administración Pública (Egap) a primeira edición do programa, na que participaron 25 profesionais e directivos de empresas galegas con potencial de acceso ao sector da defensa. A directora xeral lembrou que Galicia foi a primeira Administración do Estado en subvencionar un curso formativo destas características.
A primeira edición superou as previsións de participación, xa que recibiu 69 candidaturas para as 25 prazas dispoñibles, practicamente o triplo da oferta. O Programa Executivo en Industria da Defensa está cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI), coa colaboración da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE).

