
No marco da terceira edición das Xornadas Urbandog, que organiza o Concello da Coruña coa colaboración de Arión no Fórum Metropolitano, a Administración local deu a coñecer o novo modelo de xestión das colonias felinas da cidade, un modelo dixitalizado que inclúe a implantación dun software específico para o voluntariado, o Concello e cidadanía en xeral e máis a posta en marcha e “metodoloxías reactivas e estratéxicas”. Así o deu a coñecer a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.
O obxectivo, explicou, é “coñecer con maior precisión a situación das colonias felinas, reforzar o seu seguimento e garantir unha actuación coordinada entre os servizos municipais, o voluntariado, as entidades colaboradoras e os profesionais veterinarios”.
Neira lembrou que o desenvolvemento da Lei 7/2023 de benestar animal atribúelle aos concellos a responsabilidade da xestión dos gatos comunitarios. “Tomamos esta obriga como unha oportunidade para desenvolver un programa integral, apoiado nas novas tecnoloxías, que mellore o benestar dos felinos, aumente a formación e o compromiso do voluntariado e permita minimizar os posibles conflitos de convivencia cidadá que poidan xurdir”, explicou a responsable municipal de Medio Ambiente.
Entre as principais novidades destaca a realización dun mapeamento das colonias e dos gatos comunitarios existentes na cidade para proceder á súa identificación e seguimento, o que permitirá aplicar de maneira máis eficaz o método CER -captura, esterilización e retorno- e devolvelos ás súas colonias de forma controlada.
Así mesmo, o novo modelo reforza a formación do voluntariado, que estará debidamente identificado e deberá asumir un compromiso nas súas funcións de alimentación, observación e comunicación de información sobre os animais. O obxectivo é dispoñer da maior cantidade de datos posible sobre cada colonia e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia. Os cursos de formación, nos que xa hai 130 persoas inscritas, comezarán o vindeiro luns 5 de outubro.
Para rematar, Neira destacou a posta en marcha dun software específico para a xestión das colonias felinas, que permitirá xeolocalizalas, dixitalizar toda a información dispoñible e xestionar as incidencias en tempo real con maior transparencia e eficacia. “As novas tecnoloxías axúdannos neste labor, pero é crucial apelar á responsabilidade de todas as persoas que van participar no novo modelo: voluntariado, técnicos de Medio Ambiente, entidades colaboradoras, profesionais veterinarios e cidadanía en xeral. A colaboración de todos é fundamental para que a súa aplicación sexa un éxito e redunde tanto no benestar dos animais coma na mellora da convivencia cidadá”, sinalou Neira.

