
A Catedral de Santiago, en colaboración coa Deputación da Coruña, impulsou unha iniciativa para avanzar no estudo da súa colección de tapices, formada formada por máis dun cento de pezas, das cales, a metade pode verse exposta no museo catedralicio.
O proxecto está permitindo volver estudar aqueles tapices que por falta de espazo (principalmente) non están expostos. Neste sentido, estanse a fotografar, ademais de comprobar o seu estado de conservación. Todo este proceso permite, tamén, anovar a catalogación destas pezas históricas, de maneira que poda servir de referencia para os futuros investigadores.
Segundo explicaron dende a Catedral, resultado final materializarase na publicación dun amplo libro catálogo, ademais doutros materiais divulgativos, tanto físicos como dixitais, e un monográfico web do Museo Catedral. O programa complétase co organización de visitas didácticas.
A fundación lembrou tamén que “a colección de tapices da catedral está considerada como unha das mellores e máis importantes de España, ao reunir máis dun cento de obras de extraordinaria calidade artística e histórica, saídas dos deseños de grandes mestres da pintura, como Rubens ou Goya; e ademais inclúe auténticas xoias de orixe flamengo, procedentes dos famosos obradoiros de Bruselas dos séculos XVI e XVII”.

