
A Deputación da Coruña convoca a primeira edición do Premio de Pódcast Transmitindo na Lingua Galega, unha iniciativa que repartirá 20.000 euros entre catro categorías destinadas a recoñecer a calidade, a diversidade temática e a innovación das producións sonoras en galego.
Cada unha das modalidades contará cun premio de 5.000 euros. O teatro do aire distinguirá obras de ficción e adaptacións sonoras que empreguen de forma creativa voces, efectos, música e ambientes. A palabra fiada estará dedicada aos formatos conversacionais baseados en entrevistas, debates ou diálogos entre dúas ou máis persoas.
A categoría A pescuda sonora premiará traballos divulgativos orientados á investigación creativa de feitos, persoas ou asuntos sociais, mentres que A voz da nosa lingua recoñecerá espazos sonoros centrados no estudo, a promoción e o fomento do uso do galego.
O certame está aberto a autores e autoras de pódcasts realizados en lingua galega. A deputada de Lingua, Sol Agra, sinalou que o premio pretende «consolidar a presenza do idioma nos novos espazos dixitais e de comunicación» e incentivar o talento e a creación sonora para conseguir que «a lingua galega teña unha presenza forte e atractiva entre os novos públicos e nos sectores clave para o futuro do idioma».
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 18 de decembro de 2026. A inscrición e toda a tramitación deberán realizarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña, onde tamén facilitan as bases reguladoras da convocatoria.

